Decreto polo que se regula a formación e as condicións esixibles para o desempeño da funcións de prevención e socorrismo nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas na Comunidade autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Departamento: Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo - Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 01/02/2021 - 19/02/2021

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia constituíu unha primeira regulación da formación mínima dos socorristas acuáticos/as e o seu Rexistro Profesional na Comunidade Autónoma. 

    A formación mínima para o acceso ao rexistro, constituíu e constitúe a referencia máis importante, dado que vén supoñer o establecemento duns novos altos estándares de calidade e capacitación para o desenvolvemento da profesión en Galicia, ao esixir estar en posesión da cualificación profesional de socorrismo en instalacións acuáticas, e/ou da cualificación profesional de socorrismo en espazos acuáticos naturais, dependendo do ámbito en que vaian desenvolver a súa actividade.
  • Problemas que se pretenden solucionar:

     De conformidade co artigo 80.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia "O municipio exercerá, en todo caso, competencias nos termos da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma nas seguintes materias:

    [...] a) A seguridade en lugares públicos".

    O exercicio e desenvolvemento de dita competencia municipal, tanto nos espazos acuáticos naturais como nas instalacións acuáticas da nosa comunidade autónoma, leva para os concellos un gran esforzo, tanto en recursos humanos como materiais. O Goberno da Xunta de Galicia, en concordancia cos principios de cooperación, interese público e responsabilidade, coa elaboración do presente Decreto márcase como obxectivo, eliminar dificultades e barreiras aos concellos á hora de exercer a competencia que lle obriga a seguridade nos lugares públicos baixo a súa responsabilidade, especialmente nas épocas de maior concorrencia de persoas como pode ser a tempada estival. 
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Durante os primeiros anos de vixencia do actual Decreto, púxose de manifesto a necesidade de introducir determinadas modificacións, cambios que se realizaron a través da entrada en vigor do Decreto 35/2017, do 30 de marzo, polo que se modifica o Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia. Ditas variacións ían dirixidas á consecución dos seguintes obxectivos:

    • Por unha banda,manter o alto nivel de esixencia para a prestación dos servizos de cualificación e calidade á cidadanía usuaria, mantendo o certificado de profesionalidade como eixo central, ademais das outras titulacións ou acreditacións. 
    • Doutra, incorpórase mediante unha ordenada formación de adaptación á profesión aos licenciados e licenciadas ou graduados e graduadas en ciencias da actividade física e o deporte e aos técnicos e técnicas superiores en animación de actividades físicas e deportivas.
  • Obxectivos:

    O Goberno da Xunta de Galicia no quere limitase a unha mera actualización da normativa en vigor, senón que co fin de conseguir que en todas as instalacións acuáticas e espazos acuáticos da nosa comunidade exista un dispositivo integral de intervención no ámbito das urxencias e emerxencias, apoiando aos concellos no exercicio da súa competencia, elabora o presente Decreto, incrementando as vías de acceso ao Rexistro Profesional de Socorristas acuáticos de Galicia salvagardando en todo momento os estándares de calidade e capacitación xa establecidos na normativa anterior. 

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A través de convenios de colaboración entre o Goberno da Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e os concellos galegos. 

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 103