Transparencia neste portal

Este portal configúrase como un punto de acceso electrónico único, directo e centralizado para poñer a disposición da cidadanía, a través de Internet, tanto a información que deba publicarse de acordo co establecido na Lei 19/2013 de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno como as novas esixencias establecidas na Lei galega 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Imaxe asociada a Transparencia neste portal

O desenvolvemento deste portal, segundo o estipulado na devandita Lei, correspóndelle á consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa (neste caso a Consellería de Facenda e Administración Pública) en coordinación co órgano ou entidade con competencias horizontais en materia de administración electrónica (neste caso a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).

Seguindo tamén o sinalado na lei galega de transparencia, o acceso a este portal é gratuíto; respecta os principios de accesibilidade, interoperabilidade e reutilización; está dispoñible en galego e castelán e irá incorporando, no sucesivo, aquela información cuxo acceso se solicite con maior frecuencia a través do procedemento de solicitude de información pública.

Unidades responsables da transparencia

Como proxecto transversal á organización, son as distintas consellerías e entidades do sector público autonómico, a través das unidades responsables da transparencia, as provedoras de toda a información contida neste portal.

O artigo 30 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno regula as funcións das unidades responsables da transparencia entre as que se atopan as seguintes:

  1. Solicitar a información esixida polo capítulo II do Título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro en materia da súa competencia e difundila mediante a súa publicación no portal de Transparencia e Goberno aberto.
  2. Recibir e tramitar as solicitudes de acceso á información pública.
  3. Levar un rexistro das solicitudes de acceso á información.
  4. Realizar o seguimento e control da correcta tramitación das solicitudes de acceso á información pública e, no seu caso, das reclamacións e recursos que se interpoñan.
  5. As demais funcións necesarias para o cumprimento adecuado das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

Por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 3 de marzo de 2016, foron designados os órganos, servizos e unidades responsables de transparencia no ámbito da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

Relación de responsables da coordinación da calidade e de transparencia.

Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación

No ámbito do sector público autonómico, a coordinación xeral e o control interno en materia de transparencia son exercidos pola Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación prevista na Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

O artigo 5.2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno dispón que a Xunta de Galicia fará público anualmente no portal de Transparencia e Goberno aberto un informe aprobado pola Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación, que analizará e exporá, como mínimo, os seguintes aspectos:

  • As estatísticas relativas ao dereito de acceso á información pública, coa inclusión do número de solicitudes presentadas e das porcentaxes dos distintos tipos de resolución a que deron lugar.
  • Os datos sobre a información máis consultada no portal de Transparencia e Goberno aberto e sobre a máis solicitada a través do exercicio do dereito de acceso.

Informe da Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación:

Axúdanos a mellorar este portal

A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno sinala que "no exercicio do seu dereito ao acceso á información pública garantiráselle á cidadanía: a realización de propostas e suxestións tanto en torno á información demandada e aos formatos, programas ou linguaxes informáticas empregadas”.

Para calquera proposta ou suxestión relacionada con este dereito, así como para trasladar calquera mellora susceptible de incorporarse neste portal, pode empregarse esta canle de suxestións.

Resultoulle útil a información?