Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa do ciclo 2015-2021

O Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa (PXRI) ten como obxectivo lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para diminuír os riscos de inundación, e reducir as consecuencias negativas das inundacións, baseándose nos programas de medidas que cada unha das administracións debe aplicar no ámbito das súas competencias para acadar o obxectivo previsto, baixo os principios de solidariedade, coordinación e cooperación interadministrativa e respecto ao medio ambiente.

O PXRI abrangue todos os aspectos da xestión do risco de inundación, centrándose na prevención, protección, preparación e recuperación/avaliación, incluídas a previsión de inundacións e os sistemas de alerta temperá, e tendo en conta as características da conca ou subconca hidrográfica considerada. Deste xeito, o Plan, tras realizar nas fases anteriores a análise e caracterización pormenorizada do comportamento das inundacións en cada zona, inclúe medidas de restauración fluvial e hidrolóxico-agroforestal; medidas de mellora da drenaxe de infraestruturas lineais; medidas de predición de avenidas; medidas de protección civil; medidas de ordenación territorial e urbanismo; medidas para promover os seguros, e finalmente medidas estruturais.

O PXRI forma parte da planificación hidrolóxica de conca, e polo tanto debe existir unha coordinación clara co PHGC. Neste sentido o plan propón medidas de intervención principalmente non estruturais, sostibles e eficientes, baseadas nas infraestruturas verdes e medidas asociadas, como as de retención natural de auga, buscando a compatibilidade entre a minimización do risco de inundación co logro dos obxectivos medioambientais nas masas de auga.

As medidas propóñense a distintos niveis territoriais, que van dende o ámbito estatal ata o ámbito da propia ARPSI. Así mesmo a aplicación das medidas corresponderá a distintas administracións con competencias, destacando: Augas de Galicia, a DX de Sostibilidade da Costa e do Mar do MAGRAMA  e as autoridades de Protección Civil.

Con este Plan preténdese incrementar a percepción do risco de inundación por parte da poboación, dos axentes sociais e económicos, contribuír a mellorar a ordenación do territorio e a xestión da exposición nas zonas inundables, mellorar a capacidade predictiva e o coñecemento das inundación, diminuíndo o risco a través da diminución da perigosidade.