Plan de Mellora da Contratación Pública 2014-2016

O Plan de Mellora da Contratación Pública 2014-2016 é unha folla de ruta elaborada pola Vicepresidencia e a Consellería de Facenda para seguir impulsando a modernización da actividade contractual do Goberno galego, co obxectivo de culminar o proceso a mediados do ano 2016.
 

A contratación pública é o punto en que conflúen dous obxectivos principais da acción da Xunta nos últimos anos: o uso eficiente dos recursos públicos, reducindo os gastos innecesarios, e a simplificación e axilización nos procedementos administrativos. Con ese dobre obxectivo nace este plan, que tamén busca que a contratación pública contribúa ao desenvolvemento social en termos de xeración de emprego, de apoio aos colectivos máis desfavorecidos, de fomento da accesibilidade, estímulo á I+D+i e impulso ás  pequenas e medianas empresas.

Ademais, enmárcase na vontade de levar a termo as importantes reformas normativas que se están producindo na regulación xurídica da contratación pública; tanto a nivel europeo  como das derivadas da propia Lei de racionalización do sector público autonómico. Precisamente, o plan dá concreción e cumprimento a máis dunha vintena de artigos e disposicións contidos na lei galega.

Cinco eixes de acción estratéxica
O Plan de mellora da contratación pública incorpora 19 medidas articuladas en 5 eixos de acción estratéxica e que terán unha implantación calendarizada e progresiva. Para materializar estes obxectivos, establécense distintos instrumentos que comprenden dende a mellora do marco regulamentario ata unha variada gama de recursos que contribúan ao desenvolvemento e modernización dun ámbito tan cambiante como é a contratación pública.

O primeiro dos eixes está orientado a optimizar o gasto, aproveitando as sinerxías e as economías de escala derivadas dos principios de autoprovisión e da centralización dos contratos. Entre outras medidas, a Xunta presentará unha relación de prestacións susceptibles de contratación centralizada e un catálogo de materias, obras, subministracións e servizos que terán que ser prestados a nivel interno, pola propia administración.

O segundo eixe busca maximizar o acceso e a concorrencia, para estimular a competencia entre licitadores e conseguir a mellor oferta posible en termos de calidade-prezo. Un dos obxectivos deste bloque de medidas pasa por potenciar unha maior participación das pemes, por seren estas a espiña dorsal da economía galega. Para iso, deseñaranse unha guía de contratación aberta ás pemes, para que os órganos de contratación poidan introducir nos pregos mecanismos que faciliten o seu acceso, e un manual de acceso ás licitacións, que se porá á disposición deste tipo de empresas na web para simplificarlles o acceso aos contratos públicos e solventar así as dúbidas máis frecuentes á hora de optar a unha licitación.

Como terceiro eixe, seguirase impulsando a utilización de medios electrónicos en todas as fases dos procedementos de contratación para axilizar os trámites, eliminar custos de transacción e dar máis facilidades de acceso á información. O obxectivo, tal e como se marcaba na Lei de racionalización do sector público autonómico, é ter informatizados todos os procedementos de contratación en 2016. Nesta aposta polos servizos electrónicos e a interoperabilidade tecnolóxica, van ter un papel relevante tanto a Amtega como o Cixtec.

En cuarto lugar, farase un esforzo para fortalecer o uso social da contratación pública, polo que se elaborarán dúas guías que fixarán criterios e cláusulas para potenciar nos pregos as ofertas que aposten pola I+D+i e por promover a responsabilidade social e ambiental das empresas. En definitiva, para que quen contrate coa Xunta sexa un exemplo de boas prácticas laborais, sociais, ambientais e de compromiso coa innovación.

Finalmente, o quinto eixe do Plan está centrado na transparencia e no impulso das boas prácticas na actividade contractual que desenvolve a Xunta de Galicia. Entre outras medidas, neste apartado inclúese unha actualización da normativa galega en materia de contratación e a aprobación de modelos únicos de pregos para todo o sector público e dunhas instrucións de boas prácticas para a correcta execución dos servizos externos.

 

Data de actualización: 3/3/2016