Plan de enogastronomía de Galicia

Este plan ten como obxecto fundamental definir as estratexias e accións que impulsen o produto gastronómico e o enoturismo en Galicia, impulsando a competitividade deste sector e desenvolvendo produtos turísticos de calidade baseados na identidade do territorio e vinculados á súa tradición culinaria.

Para a realización do Plan de enogastronomía de Galicia analizouse todo o potencial turístico da gastronomía e os viños, o territorio galego e a súa realidade, así coma todas as oportunidades que brinda o mercado.

O turismo enogastronómico posúe un enorme potencial en Galicia á vista dos seguintes datos:

En Galicia podemos contar coa maior variedade de produtos do mar do mundo e somos o primeiro produtor e consumidor español de peixe.
A nosa gastronomía conta con 5 Denominacións de Orixe Vitivinícolas Protexidas.
En Galicia existen 841 industrias agroalimentarias: adegas de augardentes e licores, industrias cárnicas e exquisitos queixos. Contamos con 5 Rutas do Viño, que teñen 108 adegas visitables.
En Galicia hai 10 restaurantes con Estrella Michelin e 18 distinguidos con Soles Repsol.
Contabilízanse máis de 300 festas gastronómicas que impulsan o sector turístico e promocionan os produtos con indicación de calidade.
A gastronomía é a segunda motivación despois da natureza que fai que os turistas elixan a nosa comunidade como destino.

Obxectivos xerais e específicos

Para acadar o obxectivo principal do Plan de enogastronomía de Galicia (impulsar a competitividade do turismo enogastronómico en Galicia, desenvolvendo produtos turísticos de calidade baseados na identidade do territorio e vinculados á súa tradición culinaria) definíronse unha serie de obxectivos xerais que pasan por:

Coñecer e analizar a situación e o potencial actual do turismo enogastronómico de Galicia, de tal forma que se permita a identificación de puntos fortes e débiles para aproveitar todas as posibilidades que a gastronomía e os viños ofrecen no territorio.
Definir as estratexias máis axeitadas que contribúan a un proceso de impulso e desenvolvemento futuro do produto ‘Turismo enogastronómico en Galicia’, favorecendo desa forma un maior fluxo de turistas, mellorando o posicionamento actual nos mercados e incrementando a competitividade con respecto a outros destinos.

Sinaláronse á súa vez, como obxectivos específicos:

Analizar os diversos traballos desenvolvidos polos distintos axentes públicos e público-privados implicados no turismo enogastronómico.
Identificar os proxectos enogastronómicos actuais e futuros máis relevantes.
Definir o mapa do turismo enogastronómico, identificando os recursos gastronómicos característicos de cada geodestino e relacionándoo cos recursos e servizos turísticos complementarios máis relevantes.
Realizar unha análise de destinos competidores de Galicia, identificando as mellores iniciativas e mellores prácticas susceptibles de implantación no noso territorio.
Determinar o posicionamento actual de Galicia, en relación ao turismo enogastronómico.
Realizar unha aproximación á caracterización do perfil da demanda do turismo enogastronómico actual.
Detectar as deficiencias básicas do produto turístico enogastronómico no seu conxunto (imaxe de marca, promoción, gama de servizos ofertados, etc.)
Definir as potencialidades para iniciar o proceso de planificación estratéxica no pulo do turismo enogastronómico.
Definir as estratexias de impulso do turismo enogastronómico en Galicia, definindo visión, posicionamento, obxectivos, etc. o modelo de desenvolvemento turístico, mediante a definición da organización e xestión do produto, liñas estratéxicas e programas de actuación.
Definir a folla de ruta do turismo enogastronómico e os seus distintos produtos, establecendo accións concretas para o impulso desta modalidade turística.