Plan de Acción de Turismo de Galicia 2010-2013

Incrementar o peso do turismo no PIB, mellorar o salario medio do sector, aumentar a estancia media, e o gasto medio diario dos turistas que nos visitan son algúns dos obxectivos prioritarios do plan que establece as liñas básicas de actuación en materia turística do goberno galego a medio prazo.

O Plan de Acción de Turismo de Galicia 2010-2013 establece cales deben ser as liñas básicas de actuación en materia turística do Goberno galego a medio prazo. O plan contempla actuacións para levar a cabo unha xestión integral nos vindeiros anos, e converterse así nunha ferramenta de traballo ao servizo do sector. Entre os seus obxectivos prioritarios están: incrementar o peso do turismo no PIB, mellorar o salario medio do sector, aumentar a estancia media, e o gasto medio diario dos turistas que nos visitan.

Débese recoñecer a este plan como un valor positivo, levado a cabo de abaixo a arriba, sendo este o 1º plan de acción que se elabora desde a Secretaria Xeral para o Turismo, con esta metodoloxía de participación colectiva. Intégrase nunha estratexia a medio prazo á vez que se consideran aspectos conxunturais do momento no que se concibe, polo tanto teñen que preverse mecanismos de avaliación e retroalimentación.

Os traballos realizados durante a elaboración deste plan permitiron obter un conxunto de obxectivos que definirán e determinarán posteriormente as estratexias que se van a desenvolver, así como as accións e medidas para aplicar posteriormente. Non se trata dun plan estratéxico nin director para o Turismo de Galicia, o cal esixiría un tratamento transversal e de máis longo prazo.

Establecéronse 2 tipos de obxectivos que deberán tentar acadarse durante os vindeiros anos:

Obxectivos xerais que se proxectan de maneira global para o conxunto do sector
Obxectivos específicos/operativos os que se dirixen a acadar vantaxes e beneficios concretos

Este documento está basado en 4 políticas e de cada unha delas nacen unha serie de estratexias das que se desprenden as liñas de actuación a implementar:

Políticas de ordenación: planificación, coordinación, mellora de infraestruturas, información
Políticas de desenvolvemento sectorial: estratexias de formación, asociacionismo, accesibilidade e incentivos
Políticas de produtos: estratexias de novos produtos, desenvolvemento de produtos tradicionais, xestión de produtos e ofertas mixtas
Políticas de marketing: estratexias de promoción, paquetización, comercialización e competitividade

Dentro deste esquema xeral desenvólvense as actuacións, que son identificadas mediante descrición, o seu obxecto, a súa xustificación, a finalidade, accións e medidas necesarias para poñela en marcha e as interaccións con outros Departamentos. Nalgúns casos, ademais, auméntase un apartado de observacións para que a actuación prevista quede aclarada en todos os seus puntos.