Plan de Sistemas TIC na Administración de Xustiza en Galicia (Plan Senda 2014)
A Administración de Xustiza enfróntase con grandes retos derivados dun novo marco legal, das necesidades e demandas dos destinatarios dos servizos públicos e das oportunidades derivadas dos compromisos das administracións implicadas. Senda 2014 avanza no desenvolvemento dos servizos de administración electrónica neste eido.
O Plan Senda 2014 integra as Tecnoloxías da Información e da Comunicación no ámbito xudicial.
Cunha dotación orzamentaria de 34 millóns de euros, Senda 2014 reflicte a aposta da Xunta por integrar as TIC na Xustiza máis aló de actuacións puntuais, mediante accións sostidas no tempo e que teñan prevista a interoperabilidade entre sistemas de información de distintos organismos.
Deste xeito, o Plan Senda 2014 permitirá incorporar e aproveitar o poder transformador das novas tecnoloxías para mellorar na Administración de Xustiza, o tempo de resposta, a calidade da resposta e a transparencia dos procesos.
As actuacións contempladas no Senda 2014 estrutúranse en diferentes liñas que abranguen as áreas de infraestruturas, equipamento e medios, sistemas de información, gravación e videoconferencia, e formación.
En definitiva, trátase de evolucionar cara un modelo integral de sistemas de información na Administración de Xustiza en Galicia, adaptado ás necesidades da comunidade autónoma, garantindo a coordinación e interoperabilidade coas institucións da Administración de Xustiza e as CCAA, que facilite o novo escenario da xestión da xustiza que establece a Nova Oficina Xudicial, e que de respostas as demandas dos profesionais e cidadáns .
Liñas estratéxicas do plan e obxectivos
Liña 1. Nodo Tecnolóxico. Establecemento do nodo tecnolóxico da xustiza en Galicia
Liña 2. Equipamento e Medios. Dotación dos medios técnicos necesarios para a realización da actividade
Liña 3. Sistemas de Información.
Evolución cara o expediente xudicial electrónico
Definición do modelo integral de sistemas de información
Interoperabilidade con todos os intervenientes e outros organismos
Accesibilidade ao cidadán: eXustiza
Liña 4. Seguridade. Adecuación a normativa de Protección de Datos
Liña 5. Servizos TIC. Mellora continua da prestación do servizo TIC
Liña 6. Formación e Implantación. Dinamización do uso dos Sistemas de Información