Alfredo Puentes Barro

CONSELLERÍA DE SANIDADE - Xefe do gabinete

Alfredo Puentes Barro

Naceu en 1987 en Fene (A Coruña). É licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2009) e graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola mesma universidade (2013), obtendo o Premio Extraordinario Fin de Grao.

Tras realizar colaboracións xornalísticas en medios como Diario de Ferrol, Xornal de Galicia ou as revistas Serendipia e Obradoiro de Artesanía, fai as súas prácticas externas do Grao de Ciencias Políticas e da Administración no gabinete do conselleiro de Presidencia, AA. PP. e Xustiza da Xunta de Galicia, sendo a continuación contratado como persoal do mesmo, posto no que continúa ata maio de 2016.

En maio de 2016 pasa a traballar na sede do Partido Popular de Galicia, na preparación, organización e execución da campaña electoral das eleccións autonómicas de setembro de 2016.

A partir de novembro de 2016 é contratado polo Grupo Parlamentario Popular de Galicia para desempeñar o posto de xefe do gabinete do Grupo, co papel de coordinar a presentación e tramitación das iniciativas parlamentarias e dos trámites lexislativos.

Desde setembro de 2020 é xefe de gabinete da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.