María Pilar Chapela Villanueva

CONSELLERÍA DE FACENDA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA - Directora xerente de Retegal S.A.

María Pilar Chapela Villanueva

Naceu en Bueu (Pontevedra) en 1974. É enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Posúe máis de 20 anos de experiencia nos ámbitos de planificación estratéxica, control de xestión e xestión de proxectos no sector TIC. Cursou o Máster de Dirección de Empresas TIC pola Escola de Negocios IESIDE, e dispón de formación tanto en áreas técnicas como en xestión empresarial. En 2020 acadou o certificado Chartered Controller Analyst (CCA Controller).

En decembro de 1998 comeza a súa andaina profesional no operador de telecomunicacións R na área de planificación estratéxica e control de xestión, participando no deseño e na implantación do plan de negocio da compañía e a definición e implementación dos sistemas de xestión.

No ano 2003 convértese en responsable de planificación da rede e control dos investimentos de R, asumindo a planificación, a xestión, o control e o seguimento de todos os proxectos de despregamento da rede de telecomunicacións, así como a elaboración e o seguimento dos orzamentos necesarios para a súa execución.

En 2015, tras a compra de R por Euskaltel, pasa a asumir a xerencia de control de xestión de todo o grupo Euskaltel, responsabilizándose do reporting e control de gastos e investimentos do grupo, e participando no proceso de integración económica e operativa nun operador de telecomunicacións a nivel nacional.

En agosto do 2019 continúa desenvolvendo a súa carreira profesional en Everis como responsable dos proxectos na Área de Solucións Sectoriais da Amtega no ámbito de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas. Esta etapa finaliza en abril de 2021, cando é nomeada directora xerente de Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.