Sonia Rodríguez-Campos González
Naceu en Ourense en 1970. É licenciada en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid (1993) e completou estudios no Instituto de Dereito público da Sapienza (Roma) e na Universidad de París XII. MBA e diplomada en Dirección e Administración de Empresas pola Escola de Cardiff (Universidade de Gales, 1995) e doutora en Dereito coa cualificación de sobresaliente cum laude por acordo unánime do Tribunal que xulgou a súa tese (defendida na Universidade de Vigo en maio de 2001).
Foi profesora Titular de Universidade (área de Dereito administrativo), impartiu docencia regrada nos campus de Vigo e Ourense desde outubro de 1996 ata xullo de 2012.
Coordinadora e docente en masters, cursos de especialización e seminarios organizados pola Universidade Pontificia de Salamanca (UPSA), pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e pola Universidade Complutense de Madrid (UCM).
Autora de tres monografías xurídicas en materia de ordenación económica e de máis de vinte estudos publicados en revistas científicas iuspublicistas.
Directora de dúas obras colectivas dedicadas, respectivamente, á reforma do emprego público e ao novo Dereito europeo da contratación.
Investigadora nas devanditas universidades públicas de Roma (La Sapienza) e París XII, entre xullo de 2005 e xaneiro de 2010, firmou sete proxectos de investigación obtidos na meirande parte en convocatoria pública nacional. Os temas obxecto de análise oscilan entre o réxime xurídico dos transportes, as consecuencias dos procesos de liberalización dos sectores económicos e a evolución da función pública ambiental.
Directora de traballos de doutorado, fin de master e DEAs (proxectos de investigación para obter o Diploma de Estudos Avanzados).
Á marxe da súa actividade profesional no ámbito universitario, foi avogada exercente con dedicación exclusiva a asuntos de contido xurídico-administrativo e mercantil (setembro de 1996 a xullo de 2001) e asesora xurídica externa e emisión de informes a instancia de entes públicos e firmas de avogados con bufete aberto en Vigo e Madrid (setembro de 2001 a xullo de 2012).
Desde xullo de 2012 é directora xeral da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).