José Ramón Lete Lasa
Naceu en San Sebastián en agosto de 1957. Licenciado en Dereito, Licenciado en Psicoloxía, Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e Diplomado en Maxisterio. Pertence ao corpo superior da Administración da Xunta de Galicia e posúe o diploma de directivos da Xunta de Galicia. Cursou distintos cursos de posgrao nos ámbitos dos recursos humanos e a xestión pública.
Desde 1978 a 1990 foi profesional do baloncesto no Estudantes de Madrid, CAI de Zaragoza, Breogán de Lugo, Obradoiro de Santiago e no Bosco de Vigo.
Desde o seu ingreso na Administración Pública no 1978, ocupou distintos postos nos departamentos de Educación, Sanidade e Presidencia da Administración autonómica galega, ata o seu nomeamento no 1997 como director xeral da Fundación Internacional e para Iberoamérica de Administración e Políticas Públicas do Ministerio da Presidencia (1997-2003).
Desde o 2003 ocupou distintos cargos directivos no ámbito da xestión pública deportiva na Xunta de Galicia e en Madrid, ata o seu nomeamento como presidente do Consejo Superior de Deportes en novembro do 2016.
Desde decembro do 2018 é secretario xeral para o Deporte.