Inés Santé Riveira

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL - Directora xeral de Desenvolvemento Rural

Inés Santé Riveira

Nada en Ferrol en 1976. É enxeñeira agrónoma pola Universidade de Santiago de Compostela con cualificación final de sobresaínte e matrícula de honra (2001) e doutora pola mesma universidade (2005), premio extraordinario de doutoramento da EPS. Tamén obtivo o Máster Universitario Internacional UNIGIS en Xestión de Sistemas de Información Xeográfica pola Universidade de Xirona (2006). Enxeñeira técnica agrícola en industrias agroalimentarias pola Universidade de Santiago de Compostela (1998). Realizou estancias de investigación nas universidades de Wisconsin (EE. UU.), Trento (Italia), Cuenca e Azuay (Ecuador).

É profesora titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela desde 2019, onde previamente foi profesora contratada doutora e profesora axudante. Impartiu materias sobre ordenación do territorio, administración, valoración e instrumentos de xestión de terras, en titulacións como Enxeñaría técnica agrícola e de montes, entre outras.

Desde o ano 2001 desenvolveu a súa actividade investigadora e docente na USC, nos campos da ordenación do territorio, da xestión territorial e da participación pública nos procesos de planificación. Tamén foi coordinadora do Máster Universitario en Xestión Sostible da Terra e do Territorio e secretaria do programa de doutoramento do mesmo nome.

Foi directora do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia entre xuño de 2015 e novembro de 2018.