Manuel Rodríguez Vázquez
Nado en 1967 en Ferrol (A Coruña), é enxeñeiro técnico en Explotacións Agropecuarias pola USC (1990) e funcionario do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de enxeñeiros técnicos agrícolas. Traballou como técnico en distintos eidos do sector agrario, fundamentalmente centrados no campo da produción e o cultivo en viveiros.
Comezou a desempeñar o seu traballo na Administración autonómica no ano 2001 na antiga Dirección Xeral de Infraestruturas e Estruturas Agrarias, na localidade de Santiago de Compostela, como enxeñeiro técnico en funcións facultativas. Dende o ano 2004 ata o 2010 exerce como xefe de sección na mesma Dirección Xeral, pasando posteriormente no ano 2010 ao Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias da Coruña como xefe de sección de Concentración e Obras.
A principios do ano 2012 asume a xefatura do devandito Servizo Provincial ata finais do ano 2015, cando pasa a desempeñar os labores de xefe territorial da Consellería do Medio Rural da provincia da Coruña. Nos derradeiros dous anos foi director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e responsable dos centros públicos de I+D+i e de formación agraria da Consellería, así coma das indicacións xeográficas de calidade de Galicia.