Valentín García Gómez
Naceu en Silleda en 1970. É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, posgrao e mestrado en Administración Local (USC) e diplomado en música polo Conservatorio de Santiago de Compostela. Realizou estudos de Dereito (UNED).
Exerceu como técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Estrada, dirixiu os departamentos de Cultura, Normalización Lingüística, Emigración e Xuventude deste Concello e dirixiu ademais múltiples actividades de dinamización sociocultural no ámbito da administración local.
Ocupou o posto de coordinador técnico da Rede de Dinamización Lingüística dende a súa creación ata 2012, participando activamente no seu deseño e na posta en marcha. Esta rede está a supoñer unha novidade importante no deseño e na aplicación das políticas lingüísticas en Galicia e conta actualmente con 170 entidades adheridas (concellos, entidades supramunicipais, 3 deputacións e o Consello da Cultura Galega) e o seu modelo de funcionamento supón ademais a implantación dun novo modelo de xestión e colaboración entre entidades administrativas de igual ou distinta natureza.
Coautor da proposta de creación dun Consorcio de Normalización Lingüística presentada pola CTNL en 1998.
Foi membro da comisión creada pola SXPL que redactou os estatutos para a creación dun Consorcio de Planificación Lingüística; presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL); membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (Consello da Cultura Galega); secretario da Fundación Xosé Neira Vilas, da Fundación Cultural da Estrada e do Premio de Novela M. García Barros; membro da Fundación Antón Losada Diéguez e do Comité de Seguimento do Premio Xornalístico M. Reimóndez Portela.
Colaborou na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Ten publicados diversos artigos e estudos sobre sociolingüística e a necesidade de formular políticas lingüísticas adaptadas á realidade social de Galicia, tema que desenvolveu en numerosos congresos, simposios, conferencias, así como na elaboración de proxectos da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén foi secretario da Fundación Castelao e, no eido da formación para persoal das administracións públicas, foi profesor colaborador da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
Ten realizado desde hai anos un intenso labor de dinamización da cultura e lingua de Galicia dende o ámbito dos municipios, no que resaltou a planificación e execución de programas de amplo contido no fomento do idioma.
Foi comisario da exposición itinerante e actos realizados co gallo do 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego en 2011. Membro do Comité de Seguimento do Premio Xornalístico M. Reimóndez Portela, da Asoc. Cultural O Brado e da organización dos Premios S. Martiño de Normalización Lingüística e presidente do Recreo Cultural da Estrada e vicepresidente do Centro de Iniciativas Turísticas.
Na actualidade é secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), dirixindo este departamento, que regula a política lingüística da lingua galega tanto na Galicia territorial como a súa proxección exterior.
Publicacións:
- García Gómez, Valentín (2003): Informe – proposta sobre a coordinación de servizos lingüísticos. Santiago de Compostela: Fundación Enclave.
- García Gómez, Valentín (2005): Un soldado da historia. Santiago de Compostela: Edicións do Castro.
- García Gómez, Valentín (2007): A Estrada rural. Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra.
- García Gómez, Valentín (2009): Vista Alegre, 25 anos de historia. Fund. Cultural Bandeira.
Colaboracións en xornais: Terras de Santiago, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Galicia en el Mundo e España Exterior.