Zeltia Lado Lago
Naceu na Coruña en 1978. Licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña e Máster en Administración Local pola Universidade de Santiago de Compostela, é funcionaria do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia e do Corpo de Xestión (en excedencia).
Dentro da súa formación complementaria, ten realizado multitude de cursos relacionados, por exemplo, coa prevención de riscos laborais, o dereito informático, a iniciación á calidade ou o deseño e a xestión de contratos de servizos, entre outras accións formativas.
Ata o de agora -e dende novembro de 2019- ocupaba o cargo de xerente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dentro da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
Con anterioridade foi tamén xerente do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) da Consellería de Economía, Emprego e Industria e xefa provincial na Coruña do Servizo de Consumo do Instituto Galego de Consumo.
Ademais, desempeñou responsabilidades como a xefatura do Servizo de Contratación da Consellería de Economía e Industria e da Sección de Comercio Interior nese mesmo departamento da Xunta, ou a xefatura da Sección Xurídica no Consello Galego de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar.