Preguntas máis frecuentes

Ten dispoñibles para consulta 20 preguntas frecuentes:
mais

Cal é a diferenza entre rexistro presencial e rexistro electrónico?

Enténdese por rexistro presencial o conxunto de órganos, servizos ou unidades encargados da recepción e/ou remisión, en soporte papel, de solicitudes, escritos, comunicacións, así como dos documentos que os acompañen, na oficina de rexistro xeral ou nas oficinas auxiliares da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Enténdese por rexistro electrónico o instrumento utilizado para a recepción ou remisión, por vía electrónica de solicitudes, escritos, comunicacións, así como dos documentos que os acompañen, dirixidos aos órganos e entidades incluídas no ámbito de aplicación do citado decreto.
 

mais

Cal é o horario de atención das oficinas de rexistro?

O Decreto 191/2011 regula o horario dos rexistros, establecendo o seguinte:
O horario de atención ao público das oficinas de rexistro e información dos edificios administrativos de Santiago de Compostela en San Caetano, A Coruña (Monelos), Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo será das 9.00 ás 19.00 horas en xornadas de luns a venres, e das 9.00 ás 14.00 horas os sábados e os días 24 e 31 de decembro cando sexan laborables. Horario de verán: do 16 de xuño ata o 15 de setembro (ambos inclusive), de 9 a 14 horas, de luns a sábados (Instrución 1/2014, da Vicesecretaría Xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).
O horario de atención ao público das oficinas de información administrativa e atención á cidadanía así como das oficinas de rexistro non previstas no parágrafo anterior será das 9.00 ás 14.00 horas en xornada de luns a venres.
As oficinas de rexistro conveniadas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia axustaranse aos seus propios horarios.

mais

Cal é o prazo de envío de documentos dirixidos a outras administracións públicas?

Segundo o artigo 19 do Decreto 191/2011, as solicitudes, escritos e comunicacións presentados na Administración xeral da Comunidade Autónoma, nas súas entidades públicas instrumentais que vaian dirixidos a órganos doutras administracións públicas, unha vez rexistrados de entrada, enviaranse aos órganos aos que estean dirixidos dentro do prazo de dous días hábiles logo de seren asentados tamén de saída.
 

mais

Cales son os lugares de presentación de solicitudes, escritos e comunicacións?

As solicitudes, escritos e comunicacións que os/as cidadáns/ás dirixan aos órganos, entidades e institucións incluídos no ámbito de aplicación deste decreto poderán presentarse:
a. Nos rexistros dos órganos administrativos, entidades e institucións a que se dirixan.
b. Nos rexistros dos órganos, servizos e unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.
c. Nos rexistros das entidades da Administración local, universidades públicas e institucións estatutarias da Comunidade Autónoma de Galicia, así como das entidades públicas con independencia funcional ou cunha autonomía especial recoñecida por lei, sempre que optasen pola súa inclusión no Sistema Único de Rexistro mediante o asinamento dun convenio de colaboración coa consellería competente en materia de administracións públicas.
d. Nas oficinas de Correos de acordo coa normativa específica.
e. No portelo único establecido no artigo 18 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizo e o seu exercicio, para aqueles que estean incluídos no seu ámbito de aplicación.
f. En calquera outro rexistro que establezan as disposicións vixentes.
As solicitudes, escritos e comunicacións, que os/as cidadáns/ás dirixan aos órganos das administracións públicas en xeral poderán presentarse nos rexistros e lugares establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

mais

Cales son os modelos de documentos máis frecuentes?

Para facilitar a elaboración de solicitudes, escritos e comunicacións, así como dos documentos asociados a eles que se desexen  presentar no Sistema Único de Rexistro da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, o órgano competente en materia de información administrativa e atención ao cidadán da Xunta de Galicia porá á disposición da cidadanía un manual normalizado de formularios.

O manual normalizado de formularios estará á disposición dos/das interesados/as na web da Xunta de Galicia e nas oficinas do rexistro xeral ou auxiliares da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades e institucións incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 191/2011, sen prexuízo da utilización doutros mecanismos de comunicación dirixidos a garantir o seu coñecemento.

En todo caso, o manual normalizado de formularios recollerá, entre outros, os seguintes modelos:
a)    Para a presentación simultánea dun número superior a 10 solicitudes, escritos ou comunicacións.
b)    Para a presentación das declaracións responsables e comunicacións previas a que se refire o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas..
c)    Para relacionar os documentos que se desexen presentar asociados ás solicitudes, escritos ou comunicacións.

Estes e outros formularios usuais poden atoparse no apartado Modelos de documentos.

De conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, os/as cidadáns/ás, nas súas relacións coa Administración xeral da Comunidade Autónoma e coas súas entidades públicas instrumentais, terán dereito a non presentar documentos que xa estean no seu poder.

Para facer efectivo este dereito, deberán especificar a data na que se presentaron os documentos e o órgano ao que os dirixiron, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento, servizo ou actuación administrativa no que se achegaron.

Cando na instrución dos procedementos ou servizos deban ser achegados documentos ou certificacións que deban ser emitidos por outras entidades públicas distintas da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, os/as interesados/as deberán outorgar a súa autorización expresa se desexan que os datos obxecto de achega poidan ser directamente solicitados no seu nome polo órgano tramitador.

As comunicacións realizaranse preferentemente por medios electrónicos, nas condicións e coas garantías establecidas no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

De non prestarse o consentimento referido anteriormente, estes documentos ou certificacións deberán ser presentados polos/as interesados/as.
 

mais

Como actuar cando o procedemento esixa achegar copias compulsadas?

Cando as normas reguladoras dun procedemento, servizo ou actuación administrativa requiran a achega de copias compulsadas de documentos orixinais, as persoas interesadas teñen dereito a que nas oficinas de rexistro lles expidan unha copia compulsada así como á inmediata devolución dos correspondentes orixinais.
Para ter dereito á expedición dunha copia compulsada dun documento orixinal, o cidadán debe achegar xunto co documento orixinal unha copia del: a oficina de rexistro non está obrigada a realizar a copia cos seus propios medios. A oficina de rexistro realizará o cotexo do documento orixinal e a copia, comprobando a identidade dos seus contidos, devolverá o documento orixinal ao cidadán e unirá a copia á solicitude, escrito ou comunicación para a súa remisión ao destinatario, unha vez dilixenciada mediante a estampación na mesma dun selo no que consten, ademais de que a copia é unha reprodución fiel e exacta do seu orixinal, os seguintes datos:
a) Data en que se efectúa a compulsa.
b) Identificación da oficina de rexistro.
c) Identificación da persoa que expide a copia compulsada.
As oficinas de rexistro non están obrigadas a compulsar copias de documentos orixinais cando as ditas copias non acompañen a escritos, solicitudes ou comunicacións presentadas polos cidadáns para o seu rexistro.

Nas oficinas de rexistro procurarase substituír a documentación que deba compulsarse en papel pola compulsa electrónica. Esta opción procederá naqueles procedementos e servizos en que así se autorice regulamentariamente pola consellería competente en materia de administracións públicas.
 

mais

Como actuar cando o procedemento esixa achegar documentos orixinais?

Cando as normas reguladoras do correspondente procedemento, servizo ou actuación administrativa requiran a achega de documentos orixinais, os/as cidadáns/ás terán dereito a que o rexistro lles expida no momento da presentación unha copia selada do documento orixinal. Esta copia deberá ser achegada pola persoa interesada.

O rexistro cotexará a copia e o documento orixinal, comprobando a identidade dos seus contidos, unirá o documento orixinal á solicitude, escrito ou comunicación ao que se acompañe para a súa remisión ao órgano destinatario e entregaralle a copia á persoa interesada cun selo no que consten os seguintes datos:
a) Data de entrega do documento orixinal e lugar de presentación.
b) Órgano destinatario do documento orixinal.
c) Extracto do obxecto do procedemento, servizo ou actuación para cuxa tramitación se achega.

A copia selada acreditará que o documento orixinal se atopa en poder da Administración, e será válida para os efectos do exercicio pola cidadanía do dereito recoñecido no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, así como para solicitar, se é o caso, a devolución do documento orixinal unha vez finalizado o procedemento, servizo ou actuación administrativa, ou de acordo co que dispoña a normativa de aplicación.

A oficina de rexistro levará un rexistro expresivo das copias seladas que expida, no cal anotará os datos sinalados no parágrafo segundo.

mais

Como se poden obter copias auténticas de documentos públicos administrativos?

Os/as cidadáns/ás poderán, en calquera momento, solicitar a expedición de copias auténticas dos documentos públicos administrativos que fosen validamente emitidos polos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades do sector público incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 191/2011.

As copias auténticas dos documentos públicos administrativos teñen a mesma validez e eficacia ca estes, producindo idénticos efectos fronte ás administracións públicas e aos/ás interesados/as.

A expedición solicitaráselle ao órgano que emitiu o documento orixinal. Para estes efectos, débese formular unha petición individualizada dos documentos que se desexe consultar, sen que caiba, salvo para a súa consideración con carácter potestativo, formular unha solicitude xenérica sobre unha materia ou conxunto de materias. O dito órgano expedirá copia, logo de comprobación nos seus arquivos da existencia do orixinal e dos datos nel contidos.

As características da copia auténtica, a tipoloxía dos documentos obxecto da dita copia, a denegación de realizala, seu prazo de expedición e outros extremos están recollidos no artigo 25 do Decreto 191/2011.
 

mais

Como se realiza a presentación simultánea de solicitudes, escritos e comunicacións?

Nas oficinas de rexistro propias da Administración xeral da Comunidade Autónoma, das súas entidades públicas instrumentais e daqueloutras entidades vinculadas con ela mediante convenio, poñerase á disposición daquelas persoas que pretendan a presentación simultánea dun número superior a 10 solicitudes, escritos e comunicacións, un impreso para que relacionen aquelas, numerándoas e especificando a identidade dos interesados, os órganos destinatarios así como un extracto dos seus contidos. Este impreso será o único documento obxecto de rexistro.
 

mais

É necesario selar os documentos?

Segundo o artigo 18 do Decreto 191/2011, a validación mecánica ou selado de entrada inicial ou saída farase constar na primeira páxina da solicitude, escrito ou comunicación, de acordo coas normas en materia de identidade corporativa. Nela reflectirase como mínimo, o nome da oficina de rexistro de que se trate, a data e hora de presentación e o número de entrada ou saída que se lle asigne ao documento.