Estrutura xeral de cada municipio
O Sistema de Información Urbanística e Ordenación do Territorio de Galicia (SIOTUGA) facilita o acceso da cidadanía e dos actores que participan no urbanismo e a ordenación do territorio na comunidade á información e aos servizos da Xunta en materia de ordenación do territorio e plans urbanísticos.
SIOTUGA é a evolución da anterior web de información urbanística de Galicia cara a un verdadeiro Sistema de Información Territorial, baseado en tecnoloxías dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX) e orientado á web e a internet. Respecto do sistema anterior, ofrece importantes melloras no deseño e as funcionalidades, como o visor SIX e a páxina de información do estado do planeamento urbanístico en Galicia. Entre elas cabe destacar:
- A integración de toda a información urbanística de Galicia nunha base de datos común con capacidades espaciais.
- A xeorreferenciación da ordenación municipal e a posibilidade de visualización en visores SIX superposta sobre mapas base: ortofotos, imaxes de satélite e información catastral entre outras.
- A visualización e consulta de información relativa aos recintos de clases e categorías do solo nun punto do territorio.
- A integración da información urbanística e de ordenación do territorio na Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG) para o cumprimento dos requisitos da Directiva INSPIRE.
- A modernización da arquitectura tecnolóxica empregada, orientada a servizos web e uso en diferentes dispositivos (PC, tabletas e teléfonos intelixentes) con diferentes navegadores soportados.
- A distribución na Internet da información de planeamento urbanístico e a posibilidade para os concellos de publicar esta información nas súas páxinas web corporativas mediante o uso de conectores aos servizos do SIOTUGA.