Proxecto de orde pola que se crea o Consello Técnico Asesor en Intelixencia Artificial e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde de Galicia

Órgano ou entidade tramitadora: Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde - Servizo Galego de Saúde

Departamento: Consellería de Sanidade - Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Inicio da tramitación: 20/06/2023

Obxecto: a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no seu artigo 131 recolle que a Administración sanitaria promoverá a investigación biosanitaria, especialmente na súa vertente traslacional, como un instrumento para a mellora da saúde da poboación tendo en conta as prioridades marcadas polos plans de investigación e innovación vixentes en cada momento. Todos os centros e servizos sanitarios estarán en disposición de favorecer e desenvolver a investigación, e promoverán a cultura científica, tecnolóxica e de innovación.

Especificamente, no ámbito da Saúde, para seguir avanzando nestes ámbitos considerase necesario crear un consello asesor, de carácter eminentemente técnico, que se encargue de asesorar no desenvolvemento en Intelixencia Artificial e Espazo de Datos e dende o que podan, así mesmo, trasladarse as súas propostas e recomendacións non soamente ao Consello para a Innovación en Materia Sanitaria, senón tamén ao comité previsto na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.

Aínda que non hai unha definición precisa da Intelixencia Artificial (IA), está comunmente recoñecido que as tecnoloxías de IA abarcan un rango de tecnoloxías que inclúen a aprendizaxe automática, robótica e sistemas automatizados de toma de decisións, empregados coa finalidade de optimizar as operacións e a asignación de recursos, así como para a prestación de servizos personalizados. É por isto que coa orde que se está a tramitar, entre outros, preténdese dispor dun órgano colexiado asesor integrado por un equipo de persoas multidisciplinar cos coñecementos e coa formación adecuados, de modo singular en materia de IA, coa finalidade de tirar o máximo proveito do desenvolvemento de ferramentas que empreguen a IA. Todo iso respectando o marco ético e legal que resulte de aplicación.

Estado actual: pendente de aprobación