Anteproxecto de lei de estatística de Galicia
Órgano ou entidade tramitadora: Instituto Galego de Estatística
Departamento: Consellería de Facenda e Administración Pública - Instituto Galego de Estatística
Inicio da tramitación: 13/04/2023
Obxecto: os anos transcorridos dende a entrada en vigor da vixente Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, que estableceu o marco normativo básico, a estrutura organizativa e os instrumentos de planificación da estatística galega, así como a aprobación por lei de seis plans estatísticos, aconsellan revisar a devandita norma á luz da experiencia e considerando a achega de nova regulamentación, o desenvolvemento tecnolóxico e a multiplicación das fontes de datos.
Un dos retos da nova lei será o de asumir o cadro común europeo de calidade como instrumento autorregulador da estatística galega. Dos dezaseis principios do Código de Boas Prácticas das Estatísticas Europeas adoptado en 2017, a lei profundará nos vinculados co emprego de procedementos idóneos, cooperación, diminución da carga de resposta, eficiencia e puntualidade. A razón é que todos inciden na necesidade de considerar os rexistros e sistemas de información como recursos estratéxicos e figuras claves para aproveitar o cambio tecnolóxico e o desenvolvemento exponencial que está a experimentar a información dispoñible.
É necesario incorporar plenamente os de orixe administrativa, garantindo que estean a disposición dos órganos estatísticos públicos para integralos en bases de datos e aumentar os estándares de calidade. Uns rexistros ben actualizados poderán sustentar detalles territoriais non asumibles con enquisas, ou estimacións en tempo real. Outros obxectivos da norma son mellorar as previsións para deseñar e avaliar políticas públicas, dispoñer de datos cara a afrontar o reto ambiental e atender a perspectiva demográfica e a de xénero.
Estado actual: pendente de aprobación
Prazo para remitir suxestións: pechado desde 05/07/2023