Proxecto de decreto polo que se modifica o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia

Órgano ou entidade tramitadora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Política Social e Xuventude - Secretaría Xeral Técnica

Inicio da tramitación: 20/01/2023

Obxecto: o obxecto da norma consiste na modificación no cumprimento da obriga establecida no artigo 7.1c) do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección de servizos sociais en Galicia de contar cun rexistro de altas e baixas de persoas usuarias e cun expediente individual de cada unha delas, coa documentación mínima necesaria que determine a normativa específica que lle resulte de aplicación.

No caso dos centros residenciais de persoas maiores e de persoas con discapacidade realizarase en soporte dixital mediante o sistema facilitado pola administración autonómica. A información que como mínimo deberá conter o rexistro será a correspondente á identificación das persoas usuarias co seu nome e apelidos, o número do documento nacional de identidade, o número de identificación de persoa estranxeira, o número do pasaporte ou documento identificativo similar no seu caso,  as datas de alta e baixa no centro, así como a causa desta última. Adicionalmente poderanse recoller outros datos que deberán estar limitados aos necesarios en relación cos fins de asistencia social para os que sexan tratados.

En relación aos demais centros e programas de servizos sociais o emprego do devandito soporte dixital será voluntario sempre que este se adapte ás súas necesidades de rexistro. Todo isto coa garantía do cumprimento da normativa en materia de protección de datos persoais.

Así mesmo, engádese unha nova disposición derradeira numerada como primeira que posibilita a modificación dos anexos I e II do devandito decreto coa súa publicación adaptada e actualizada á normativa vixente na sede electrónica da Xunta de Galicia, previa aprobación da consellería competente en materia de servizos sociais. A actual disposición derradeira única referida á vixencia pasará a enumerarse como segunda.

Estado actual: pendente de aprobación

Prazo para remitir suxestións: pechado desde 01/03/2023