Anteproxecto de lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia
Órgano ou entidade tramitadora: Secretaría Xeral Técnica
Departamento: Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación - Secretaría Xeral Técnica
Inicio da tramitación: 23/03/2023
Obxecto: o anteproxecto de lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia pretende regular a utilización destes recursos atendendo a criterios ambientais e tamén a factores socioeconómicos que permitan despregar unha política ambiental xusta coa poboación e os territorios. Ten vocación transversal para mellorar a regulación da utilización dos recursos naturais no noso territorio, impulsando unha transición enerxética xusta e a consideración e compensación equilibrada dos custos medioambientais e afeccións aos servizos ecosistémicos, cos beneficios que as persoas, comunidades e territorios poden obter.
Procura o impulso do desenvolvemento racional e sustentable de Galicia, mediante a xestión responsable dos recursos naturais e a protección do ambiente, de forma conciliada co desenvolvemento social e económico, a cohesión territorial, a cohesión social e a mellora da calidade de vida da poboación de Galicia.
Con estes fins establécese a valoración dos beneficios sociais e económicos nas avaliacións ambientais en proxectos de recursos naturais de competencia autonómica, dispóñense mecanismos para a participación pública en sociedades que desenvolvan actividades compatibles cos fins da norma, así como instrumentos para o seu financiamento, créase un canon á eólica mariña destinado a compensar o sector pesqueiro e os concellos do litoral, fíxanse medidas sobre recuperación integral de territorio afectado por incendios forestais creándose un fondo para atender os incendios de incidencia singular, e impúlsase o autoconsumo enerxético nas áreas empresariais de Galicia e o uso de residuos para a xeración de biometano.
Estado actual: en prazo de envío de suxestións
Prazo para remitir suxestións: 12/05/2023 - 06/06/2023
Suxestións recibidas: 173