Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia

Órgano ou entidade tramitadora: Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Departamento: Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo - Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Inicio da tramitación: 18/07/2019

Data de aprobación do proxecto de lei polo Consello da Xunta para a súa remisión e tramitación no Parlamento: 30/01/2020

Data da publicación no DOG: 15/03/2021

Obxecto:

esta Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia aspira a configurar un marco xeral con vocación de permanencia, a prol dunha acción exterior ao servizo da cidadanía, das entidades públicas, dos axentes e organizacións sociais e civís, así como das empresas galegas. Entre as  novidades deste texto cómpre salientar:

  • Mellórase a programación e faise da EGAEX o eixo central de toda a actuación exterior galega
  • Afóndase na cooperación estruturada con Portugal
  • Regúlanse os procedementos para a intervención galega en tratados e outros instrumentos internacionais, así como nos acordos internacionais –tanto administrativos, que desenvolvan tratados, como non normativos ou autónomos
  • Prevense medidas sectoriais para internacionalizar as nosas universidades, captar talento e atraer investimentos segundo as recomendacións de organismos económicos internacionais.
  • Téntase afrontar novas realidades, como a creación de redes virtuais de galegos desprazados fóra con alta formación, alta mobilidade e que non respostan ao modelo tradicional dos centros galegos do século pasado.

Respecto á cooperación para o desenvolvemento, pretendese actualizar as previsións inseridas na homónima Lei 3/2003, do 19 de xuño, que pasa a ser explicitamente derrogada. Búscase elevar a transcendencia desa cooperación, mais tamén a coordinación coa acción exterior clásica, ao se tratar dun puntal da proxección de Galicia fóra. Coma principio xeral quérese incorporar a axenda global dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) dun xeito substantivo (principios, obxectivos e criterios) pero sen facer unha referencia nominal á Axenda 2030 para evitar que se produza unha obsolescencia prematura do texto lexislativo. Procura o recoñecemento como novos axentes da cooperación galega dos centros de investigación públicos e das axencias das Nacións Unidas e dos seus comités estatais.
 

Estado actual: Aprobada e publicada no DOG

Suxestións recibidas: 6