No portal Lex.gal, dereito galego consolidado, ao que se accede premendo sobre www.lex.gal, atópase unha completa base de datos con toda a lexislación ditada pola Comunidade Autónoma galega, en galego e consolidada.
Con esta ferramenta ábrese a toda a cidadanía a posibilidade de dispoñer, en rede e con contido permanentemente actualizado, dun acceso á versión consolidada, actualizada e en galego de todas as normas ditadas desde o ano 1981 pola nosa Comunidade. Con este portal complétase o traballo desenvolvido desde as webs oficiais da Xunta de Galicia e do Parlamento de Galicia no seu deber de dar cumprimento aos requirimentos de transparencia e accesibilidade que esixe o marco normativo actual.
O acceso aos textos consolidados facilita á cidadanía o acceso sinxelo á normativa que lle resulta de aplicación, contribuíndo a un mellor e máis fácil coñecemento do marco xurídico vixente.