Decreto polo que se regula o Estatuto do persoal de investigación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades instrumentais

Órgano ou entidade impulsora: Axencia Galega de Innovación

Departamento: Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación - Axencia Galega de Innovación

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 10/11/2022 - 25/11/2022

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O marco normativo estatal atópase fragmentado en diversas normas que establecen diferentes réximes para os investigadores polo simple feito de traballar en distintas institucións. A nivel estatal só existe unha carreira profesional para os investigadores nas universidades (persoal docente e investigador) e no CSIC. A recentemente aprobada Lei estatal da ciencia, a tecnoloxía e a innovación establece a obriga de estabilizar ao personal investigador pero non crea unha carreira para este persoal, impedindo así a promoción profesional nos centros e entidades do sector público nos que non existe regulación específica.

    A Comunidade Autónoma de Galicia non conta cunha regulación específica para a contratación de persoal investigador, nin ten establecido unha carreira investigadora no sector público, non existe unha perspectiva de desenvolvemento profesional que non só teña en conta a mobilidade dentro do sistema investigador senón tamén no ámbito da I+D pública e empresarial.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A norma pretende establecer un marco de desenvolvemento profesional que non só proporcione estabilidade laboral ao persoal de investigación formado, senón que tamén deberá servir para atraer persoal doutros países ou comunidades autónomas.

    O obxectivo é resolver a situación de inestabilidade dos investigadores, estabilizar aos que son temporais e mellorar e homoxeneizar as condicións de desempeño da súa actividade co fin de facilitar e impulsar a actividade investigadora en Galicia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A recente modificación da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación non resolve a situación dos investigadores do sector público de xeito transversal, pero abre a porta a establecer unha regulación específica a nivel autonómico de aspectos moi relevantes do réxime de persoal relativos á carreira investigadora, a mobilidade e a cooperación entre os axentes públicos e privados do sistema de ciencia e tecnoloxía.

  • Obxectivos:

    Establecer un itinerario regulado de desenvolvemento profesional do persoal de investigación (persoal investigador e persoal técnico) da Administración xeral e as entidades integrantes do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, que atenda todas as etapas da actividade investigadora.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A día de hoxe soamente se contempla a aprobación do decreto.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 16