-
Antecedentes:
non existe na nosa Comunidade Autónoma unha Lei de Ordenación do litoral, polo que fai falta abordar dita regulación, no marco da regulación vixente, tanto a nivel estatal, como autonómico, en concreto:
- Lei 22/1988, 28 xullo, de Costas
- Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sostible do litoral e de modificación da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de Costas
- Real Decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Costas
- Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia
- Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia
- Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio de Galicia
- Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A sostibilidade do litoral debe ser contemplada na tripla dimensión: ambiental, económica e social. A Lei de ordenación do litoral debe recoller os instrumentos necesarios para garantir que así sexa, mediante unha adecuada regulación e planificación dos usos e actividades que poidan realizarse na ampla franxa que será obxecto de regulación.
Preténdese facilitar, mediante unha planificación racional das actividades, o desenvolvemento sostible das zonas costeiras, garantindo que se teñan en conta o medio ambiente e as paisaxes de forma conciliada co desenvolvemento económico, social e cultural. Fomentaranse medidas de conservación das praias naturais e de aumento da súa calidade ambiental. Contribuirá a preservar as zonas costeiras, os seus ecosistemas e as especies protexidas, en beneficio das xeracións presentes e futuras e a integridade dos ecosistemas da costa, das súas paisaxes e a xeomorfoloxía costeiros.
Trátase de previr e reducir os efectos dos riscos naturais, e en particular da emerxencia climática, e adaptar as zonas costeiras para os efectos do cambio climático, garantindo a coherencia entre as iniciativas públicas e privadas, priorizando sempre as iniciativas de conservación, recuperación e protección. Con iso axudarase a previr e mitigar o cambio climático e a fortalecer a biodiversidade e preservación das especies protexidas, á vez que se regulan as actividades e usos que poden desenvolverse na Costa, co urbanismo, a protección ambiental, a paisaxe e as actividades socioeconómicas en plena sintonía.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A necesidade do posicionamento xurídico, político e administrativo para a protección do litoral está recoñecida polas institucións da Unión Europea, que instan os estados membros a implantar as políticas de sensibilización e recoñecemento do litoral, destacando o seu interese público polo impacto no cambio climático e a sostibilidade.
Precísase, por tanto, un marco lexislativo de máximo nivel que defina o seu obxecto e ámbito de maneira que faga esixible esta toma de conciencia ao redactar ou aplicar outras normas que afecten ao litoral. En consecuencia, trázanse unhas liñas mestras que non pretenden a modificación da lexislación vixente senón a súa coordinación, baixo o prisma aglutinador da protección do litoral.
Así se contribuirá a establecer un marco de referencia para a ordenación da zona litoral mediante unha normativa de conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras, outorgando seguridade xurídica.
-
Obxectivos:
- Autogobernar o noso litoral definindo o litoral sobre o que Galicia ten competencia exclusiva
- Regular a costa galega en colaboración coa propia comunidade esencialmente costeira, e os axentes que traballan na devandita costa, cun gran coñecemento e potencialidade das súas necesidades ambientais e de ordenación
- A ordenación do litoral contemplará especialmente a dimensión ambiental e a protección da costa fronte ao Cambio Climático,pero tamén a dimensión económica e social
- Facilitar a planificación dos usos da costa por tramos e establecer a xestión dos usos do litoral
- Regular o sistema do planeamento do litoral e a participación da sociedade na elaboración dos plans costeiros especialmente dos municipios costeiros, a poboación local e os sectores da sociedade civil
- Regular as actividades que teñan no Litoral o ámbito necesario para o seo desenvolvemento, tendo en conta conxuntamente o urbanismo, a protección ambiental, a paisaxe e as actividades socioeconómicas
- Identificar actividades estratéxicas e prioritarias para Galicia, establecer un procedemento integrado de exercicio de actividades e os criterios de outorgamento de concesións e autorizacións na costa
- Concretar criterios xerais para autorizar os servizos de tempada nas praias galegas e regular os cambios de actividade na zona de servidume de protección
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Non existe solución alternativa.
-
Rango da norma:
Lei