Decreto polo que se crea o Observatorio de Olor de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Vivenda - Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 29/07/2022 - 29/08/2022

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O cheiro é a segunda causa de queixa ambiental despois do ruído en Europa, pero a pesar diso, tanto a información como as recomendacións en relación coa contaminación por cheiros son difíciles de atopar e difíciles de entender. Cando o olor provoca malestar estamos a falar de contaminación odorífera ou por olores, sen que iso signifique que, indefectiblemente, posúan toxicidade. Ao ser os olores un factor para a aceptación, a poboación pode chegar a percibir os olores como un perigo para a súa saúde, regular sobre a contaminación por olores non é un tema doado por canto, a diferencia doutros contaminantes atmosféricos, as sustancias odoríferas están presenten en baixas concentracións no aire polo que poden ser difíciles de detectar. Aínda hai moitas lagoas na información e coñecemento que podan guiar acertadamente a formulación de medidas e a súa aplicación e control. É preciso contar con medidas de tipo sensorial que informen sobre como a xente percebe os olores e non só contar con medidas de concentración antes de establecer unha potencial regulación.

    A análise da información xerada coa creación deste observatorio xustifícase polo feito de precisar unha ferramenta de monitoraxe para valorizar o avance das actuacións de xeito sistemático co propósito de orientar as políticas de intervención. Pero os observatorios non son un fin en si mesmos senón que se trata dun medio para mellorar o coñecemento e a forma de abordar a inquietude que crean os olores na sociedade.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Crear un observatorio de olor en Galicia pretende ser o primeiro paso que sirva como instrumento de obxectivación do malestar provocado polos olores, transformando a recompilación de datos en información útil e relevante para a toma de decisións ulteriores e consecuentes.  

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Tanto a información como as recomendacións en relación coa contaminación por cheiros son difíciles de atopar e difíciles de entender.

    Cando o olor provoca malestar estamos a falar de contaminación odorífera ou por olores,  sen que iso signifique que, indefectiblemente, posúan toxicidade. Ao ser os olores un factor para a aceptación, a poboación pode chegar a percibir os olores como un perigo para a súa saúde.

    Este observatorio concíbese como un espazo de colaboración para resolver un problema de abordaxe complexo, a contaminación por olores, que require da fusión da información cuantitativa, procedente de medición, coa cualitativa, derivada da observación e reporte daqueles que a sofren, baixo uns criterios que permitan transformar o análise desta información en medidas concretas. Un observatorio que pretende investigar, revisar, describir, caracterizar, avaliar, discutir, cuestionar, suxerir e informar a todas as partes interesadas.

    Trátase de definir o marco de actuación do goberno da Xunta para o exercicio  da competencia que a Comunidade Autónoma de Galicia ten en virtude da súa lexislación propia e a que expresamente recoñece a LCAPA sobre o réxime de prevención e control das actividades potencialmente á atmosfera, e definir tamén as obrigas das instalacións galegas incluídas dentro do ámbito de aplicación da lei 34/2007. 

  • Obxectivos:

    Este decreto terá por obxecto a creación, misión, funciones e réxime de funcionamento do Observatorio de Olores de Galicia. 

    Definirá o obxecto do decreto que é a creación e regulación do Observatorio do olor de Galicia.

    Sinalará a natureza xurídica do Observatorio, que se constitúe como un serviz de estudo, avaliación, colaboración e asesoramento técnico que se adscribe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que será responsable da súa dinamización, actualización e seguimento.

    Definirá a Misión do Observatorio que se concibe como un espazo para analizar de forma permanente a realidade, a situación e a problemática da contaminación por olor en Galicia.

    Tamén definirá as súas funcións, que serán:

    a) Crear as condicións e infraestruturas suficientes para monitorar e validar o comportamento e evolución do problema. 

    b) Promover e fomentar liñas de estudio e investigación que sexan susceptibles de garantir un bo coñecemento, tanto cuantitativo como cualitativo, do complexo problema da contaminación por olores.

    c) Elaborar un mapa de olores de Galicia.

    d) Divulgar o coñecemento sobre a realidade do fenómeno da contaminación por olores. 

    e) Formular recomendacións e propostas tendentes a promover a redución, prevención e regulación da contaminación por olores. 

    f) Constituír e actualizar permanentemente un fondo documental especializado que reúna a literatura científica nesta materia a nivel autonómico, estatal, europeo e internacional, así como dun fondo documental normativo nesta materia.

    g) Elaborar análises documentais baseados na explotación de datos cuantitativos e cualitativos e dos fondos bibliográficos e normativos referidos no apartado anterior.

    h) Promover a reflexión e o intercambio do coñecemento en rede. 

    Abordará tamén o Organigrama do observatorio e os seus órganos de xestión.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Considérase axeitado empregar unha norma con rango regulamantario.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 12