Orde pola que se establecen normas en relación coa comercialización dos produtos ecolóxicos

Órgano ou entidade impulsora: Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Departamento: Consellería do Medio Rural - Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 03/02/2022 - 18/02/2022

Información sobre a norma :

Antecedentes:

A comercialización supón un importante elo na cadea de distribución dos produtos ecolóxicos que debe estar sometida a control oficial do mesmo xeito que a produción, a elaboración, a almacenaxe e a importación dos devanditos produtos. Así o dispón o Regulamento 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, que no seu artigo 34.1 establece que as persoas operadoras que produzan, preparen, distribúan ou almacenen produtos ecolóxicos ou en conversión, que importen os devanditos produtos dun terceiro país ou os exporten a un terceiro país, ou que comercialicen os devanditos produtos, notificarán a súa actividade ás autoridades competentes do Estado membro no que leven a cabo a actividade e no que a súa empresa se someta ao sistema de control.

O citado Regulamento (UE) 2018/848 é de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2022 e establece, respecto do regulamento que derroga, un novo enfoque en relación co control da comercialización dos produtos ecolóxicos. Así, por unha banda, exime da necesidade de notificar a súa actividade á autoridade competente ás persoas operadoras que comercializan directamente ás persoas consumidoras finais produtos ecolóxicos xa envasados se se cumpren determinados requisitos. Estas persoas operadoras tamén quedan eximidas da necesidade de obter o certificado ao que se refire o artigo 35 do citado regulamento, esixible en xeral ás persoas operadoras ecolóxicas. Por outra banda, o artigo 35.8 deste regulamento recolle a posibilidade de que os Estados membros establezan exencións a persoas operadoras que vendan directamente aos consumidores e consumidoras finais produtos ecolóxicos non envasados -comunmente denominados graneis- que non sexan pensos para que, se cumpren determinadas condicións, non teñan a obriga de obter o certificado citado. Con todo, estes operadores e operadoras non están eximidos/as de notificar a súa actividade á autoridade competente ou, de acordo co artigo 34.4, á autoridade que esta designe ou ao organismo que autorice. Debido á repartición de competencias establecida en España, a devandita referencia aos Estados membros enténdese neste contexto feita ás autoridades competentes en materia de produción ecolóxica das comunidades autónomas.

Neste contexto é necesario regular certos aspectos previstos na normativa europea para a súa efectiva aplicación.

Problemas que se pretenden solucionar:

É preciso coñecer os/as pequenos/as comercializadores de produtos ecolóxicos a granel, para o cal é necesario establecer o procedemento polo cal eles/as declaran que cumpren as condicións de exención previstas no regulamento europeo.

Esta orde soluciona o problema do cauce legal e procedimental para esta comunicación.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A recente entrada en aplicación do Regulamento 2018/848 fai preciso a publicación da normativa conexa na nosa comunidade autónoma para a súa aplicación.

Obxectivos:

Por unha parte é necesario ofrecer unha solución legal para que os pequenos operadores comerciais dispoñan dunha canle de comercialización de produtos ecolóxicos a granel, sen necesidade de incurrir en custos de certificación que non se xustifican pola baixa actividade económica e baixo risco de incumprimento das normas europeas.

Por outro lado é preciso establecer un procedemento para poder comprobar, mediante o control dunha parte dos operadores comerciais, que se cumpren os requisitos de exención da obriga do certificado, segundo a súa declaración de actividade comercial, polo que é preciso ter coñecemento dos operadores que realizan a devandita actividade.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

A obtención dos datos dos operadores ecolóxicos suxeitos á exención dun xeito non formal mediante unha campaña de comunicación consideramos que non sería unha medida eficaz para o logro dos obxectivos que se pretende.

Por outro lado, a non regulación dos procedementos para o cumprimento do establecido no regulamento europeo crearía unha situación de indefensión para os operadores ecolóxicos obrigados a cumprir unha normativa cuns detalles técnicos difíciles de alcanzar e coñecer se non se facilitan os cauces legais e procedimentais.

Rango da norma:

Orde

Achegas e opinións recibidas: 1