-
Antecedentes:
O marco normativo aplicable actualmente en Galicia en materia de autoprotección está constituído polo Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia, que desenvolvía a Norma Básica de Autoprotección, aprobada polo Real Decreto 393/2007, do 23 de marzo. Este decreto prevía a implantación dun Rexistro de plans de autoprotección, que foi creado mediante a Orde do 27 de febreiro de 2012, regulando desta maneira o seu procedemento.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Tras dez anos de aplicación do Decreto, constatouse que é necesario actualizar esta normativa con pleno respecto á norma básica. Así, considérase conveniente establecer as medidas mínimas de autoprotección para aquelas actividades e centros que deban contar con plan de autoprotección, fixar novos limiares para determinadas actividades ou centros que xa se incluían no anterior catálogo en función da ocupación de persoas, así como actualizar o catálogo, incluíndo ademais un anexo de definicións para simplificar e facilitar a interpretación.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Dado o tempo transcorrido desde a aprobación do Decreto 171/2010, do 1 de outubro, así como a problemática derivada da súa falta de concreción nalgúns puntos, ponse de manifesto a necesidade de completar e modificar certos aspectos que non resultan suficientemente claros para evitar dúbidas na interpretación.
Ademais, o aplicativo de Rexistro de plans, REGAPE, está en revisión, polo que é o momento preciso para actualizar tamén a normativa de autoprotección, e deste xeito contar cun Rexistro estable no tempo.
-
Obxectivos:
Establecer en que casos debe elaborarse o plan de autoprotección, tendo en conta o establecido no Catálogo de Actividades recollidas no Real Decreto 393/2007, do 23 de marzo, polo que se aproba a Norma Básica de Autoprotección dos centros, establecementos, dependencias ou actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia, fixando os medios mínimos de autoprotección e os procedementos de elaboración e rexistro dos plans de autoprotección.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A alternativa a esta nova regulación sería unha modificación do Decreto 171/2010, pero polos motivos expostos anteriormente, considérase procedente abordar un novo texto co fin de garantir a seguridade xurídica e facilitar o idóneo manexo da norma.
-
Rango da norma:
Decreto