-
Antecedentes:
O Estatuto de autonomía de Galicia, Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22, recolle a competencia da Comunidade Autónoma galega en materia da promoción do deporte en réxime de exclusividade.
Ao abeiro desta competencia, apróbase a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia cuxo obxecto é “promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia”.
A Lei tamén regula no “Capítulo II. Actividade deportiva” do “Título III. Actividade deportiva e actividade física” as modalidades e especialidades deportivas, e concretamente no artigo 17 facendo unha definición de ambos conceptos, e remiten ao seu desenvolvemento regulamentario o procedemento e lexitimación para instar o recoñecemento, réxime que se concreta no presente decreto, fixándose ademais uns criterios obxectivos e técnicos para poder optar a ese recoñecemento como modalidade ou especialidade deportiva.
Nese mesmo "Capítulo II. Actividade deportiva" regúlase na sección 1ª o réxime das competicións e do aseguramento e na sección 3ª as licenzas deportivas, establecéndose neste decreto unha determinación dos riscos asegurables e do capital que comporta a subscrición dos seguros, así como as persoas aseguradas en atención a cada actividade deportiva. No relativo ao réxime de licenzas, profundízase no réxime regulador destas, concretando os dereitos e obrigas que comporta o ser titular das mesmas, incorporando a obriga do recoñecemento médico para a obtención das mesmas.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Nunha sociedade cada vez máis consciente de que a práctica do deporte, en distintos niveis de intensidade, participación e habitualidade, é unha actividade que comporta beneficios para a saúde das persoas, vense observando que cada día van xurdindo novas expresións de actividade deportiva que, polo seu grao de participación, de implantación, de extensión ou doutros factores, precisan dun marco xurídico claro para que os seus practicantes poidan instar o seu recoñecemento como modalidade ou especialidade deportiva.
A día de hoxe existen diversas prácticas deportivas que non encontraron acomodo nas xa existentes ou que, pretendendo encaixar nalgunha delas, non dispoñían dos mecanismos claros e precisos para instar ese recoñecemento. Xunto con esta realidade, tamén se constata a existencia de actividades deportivas das que se descoñece desde as súas normas de participación e xogo ata de se se trata dunha actividade que conta cun recoñecemento oficial.
Xunto a esta realidade, ao longo destes anos xurdiron diversos conflitos entre federacións deportivas galegas e clubs derivados da solicitude de recoñecemento dunha determinada práctica deportiva como modalidade e especialidade, derivando a resolución destes expedientes á normativa xeral de tramitación de procedementos administrativos, situación que nos debe levar a regular un procedemento individualizado destes asuntos.
Por último, aínda que sendo conscientes de que este tipo de procedementos teñen un necesario matiz de carácter técnico e de valoración, é preciso contar cunha serie de criterios obxectivos á hora de resolver as posibles solicitudes nesta materia, criterios que se determinan no presente decreto co fin de que todas aquelas persoas e entidades que teñan interese en promover o recoñecemento dunha modalidade ou especialidade deportiva sexan coñecedoras dos requirimentos que deberán cumprir aos efectos de valoración da devandita solicitude.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
- Dotar dun marco xurídico a diversas prácticas deportivas que non encontraron acomodo nas xa existentes ou que, pretendendo encaixar nalgunha delas, non dispoñían dos mecanismos claros e precisos para instar ese recoñecemento.
- Regular un procedemento individualizado para os conflitos entre federacións deportivas galegas e clubs derivados da solicitude de recoñecemento dunha determinada práctica deportiva como modalidade e especialidade.
- Contar cunha serie de criterios obxectivos á hora de resolver as posibles solicitudes nesta materia, criterios que se determinan no presente decreto co fin de que todas aquelas persoas e entidades que teñan interese en promover o recoñecemento dunha modalidade ou especialidade deportiva sexan coñecedoras dos requirimentos que deberán cumprir aos efectos de valoración da devandita solicitude.
- Por último, faise necesaria a regulación da protección aseguradora dos/as participantes en eventos deportivos e competicións no caso de accidente deportivo e a regulación da protección aseguradora dos danos que poidan sufrir tanto os/as devanditos/as participantes como os/as usuarios/as e calquera persoa no curso de competicións e eventos deportivos a causa das condicións das instalacións ou das actividades que se desenvolven.
-
Obxectivos:
Desenvolver o regulamento sobre a actividade deportiva principalmente con respecto aos seguintes aspectos:
- Contido da actividade deportiva: competicións e eventos
- Licenzas deportivas
- Licenzas federativas
- Competitivas
- Ordinarias
- Restrinxidas
- Recreativas
- Licenzas universitarias
- Licenzas escolares
- Competicións e eventos
- Aseguramento da actividade deportiva
- Accidentes deportivos
- Responsabilidade civil
- Recoñecemento de modalidades e especialidades
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A día de hoxe soamente se contempla como solución o desenvolvemento normativo da Lei 3/2012, do 3 de abril, do deporte de Galicia, a través da aprobación dun decreto.
-
Rango da norma:
Decreto