Decreto polo que se regula o establecemento dos requisitos e medios de acreditación da condición de familias monoparentais e a organización e xestión do rexistro de familias monoparentais

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Política Social - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 09/07/2021 - 23/07/2021

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    No capítulo II referido ás familias de especial consideración, do Título I. Da Familia, da Lei 3/2011 do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, no artigo 13, entre os grupos que configuran a relación de familias de especial consideración por parte dos poderes públicos atópanse as familias monoparentais. 

    A súa definición foi obxecto de modificación en virtude da Disposición Derradeira Terceira da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia que o revisa e introduce o mandato de creación do Rexistro de Familias Monoparentais.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    O artigo 13 da Lei 3/2011 do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle o concepto de familia monoparental, artigo obxecto de modificación en virtude da Disposición Derradeira Terceira da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia que o revisa para adaptalo á realidade social actual das familias. 

    Así mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, contempla a especial consideración das familias monoparentais coa aprobación dun plan de apoio.
     
    Cómpre así desenvolver aspectos da normativa en relación coa regulación este grupo familiar para o recoñecemento da condición de familia monoparental e o procedemento de emisión e expedición dos certificados da súa acreditación. 
     
    Así mesmo, en cumprimento do mandato legal, a nova regulación abordará a creación dun Rexistro de Familias Monoparentais, o seu funcionamento, a súa organización e xestión.
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    De acordo cos datos extraídos da Enquisa Continua de Fogares 2020 do Instituto Nacional de Estatística (INE) en España hai 1.944.800 fogares monoparentais, o que representa o 10,37% do total de fogares. Na Comunidade Autónoma de Galicia, rexístrase unha porcentaxe lixeiramente superior.

    En concreto, e segundo os datos extraídos da Enquisa estrutural a Fogares 2019 do Instituto Galego de Estadística, existen en Galicia un total de 1.069.094 fogares,dos cales 118.128 son monoparentais. Representa o 11,05 % do total dos fogares galegos.

    Na gran maioría dos casos, os fogares monoparentais galegos son sustentados por mulleres, en concreto o 67,69 % (en España a porcentaxe ascende ao 81,35 %) e un 36,05 % do mesmos teñen algún fillo/a menor de 25 anos ao seu cargo.
     
    Consonte o exposto, é necesaria a determinación dos requisitos e os medios de acreditación da condición de familias monoparentais, así como dun rexistro de familias monoparentais, para garantir a igualdade de oportunidades a todas as familias da Comunidade Autónoma de Galicia e beneficiarse da acción protectora prevista para estas unidades familiares.
  • Obxectivos:

    Por unha banda e ao abeiro da Lei, o obxectivo é a regulación da condición de familia monoparental en desenvolvemento do concepto legal de familia monoparental, establecendo os requisitos de acceso a condición, identificación dos tipos de familia monoparental, limites de idade, documentación acreditativa, etc.) co obxectivo de xerar seguridade xurídica e establecer un procedemento específico que unifique o acceso aos posibles beneficios que neste ámbito vaian xerando as distintas Administracións Públicas.

    Pola outra, a creación, de acordo co previsto no artigo 13.3 da lei /2011 do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, na redacción dada pola lei a lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, do Rexistro de Familias Monoparentais Galegas, co obxectivo de dotar de visibilidade a estas unidades familiares e unificar o acceso aos posibles beneficios destes grupos familiares.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Cómpre a súa regulación en virtude do mandato de desenvolvemento normativo expresamente establecido no artigo 13.3 da lei /2011 do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, na nova redacción dada pola Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 50