Decreto polo que se crea o Rexistro de Empresas Instaladoras de Fontanería de Galicia e o Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Departamento: Consellería de Economía, Emprego e Industria - Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 10/12/2018 - 21/12/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, aproba o código técnico da edificación e derroga as normas básicas para as instalacións interiores de subministración de auga, aprobadas pola Orde do 9 de decembro de 1975. Segundo a súa disposición derradeira primeira, o Real Decreto ten carácter básico.

    A Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (en diante Directiva de servizos), proponse eliminar os obstáculos que se opoñen á liberdade de establecemento dos prestadores nos estados membros e á libre circulación de servizos entre estes, e garantir tanto aos destinatarios como aos prestadores de servizos a seguridade xurídica necesaria para o exercicio efectivo das liberdades fundamentais de establecemento e libre prestación de servizos.

    No contexto xurídico actual, a execución das instalacións interiores de subministración de auga é unha actividade liberalizada á que se lle aplica na súa integridade a Directiva de servizos.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A experiencia destes derradeiros anos amosa que a economía somerxida creceu exponencialmente neste sector, como consecuencia, entre outras causas, da citada liberalización, que supuxo un drástico cambio nun sector tradicionalmente regulado.

    Por outra banda, as instalacións interiores de subministración de auga teñen unha innegable complexidade técnica, precisando de instaladores cunha importante formación técnica. Ademais, unha mala execución destas instalacións pode provocar grandes danos, que a empresa instaladora debe estar en disposición de reparar.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Faise recomendable a creación dun rexistro voluntario de empresas instaladoras de fontanería en Galicia, así como dun rexistro das instalacións interiores de subministración de auga que executan, que permita verificar que as devanditas empresas cumpren unha serie de requisitos que garantan a calidade e capacidade técnica do seu servizo, o cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e a súa capacidade para facer fronte ás posibles esixencias de responsabilidade civil.

  • Obxectivos:

    Que os cidadáns que precisen ter acceso aos servizos de empresas instaladoras de fontanería en Galicia poidan ter á súa disposición unha listaxe de empresas cuns estándares de calidade e seguridade técnica elevados que lles permita ter máis información á hora de decidir a quen contratan os servizos.

  • Rango da norma:

    Decreto