Decreto polo que se aproba o regulamento da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral para o Deporte

Departamento: A Presidencia da Xunta - Secretaría Xeral para o Deporte

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 28/06/2017 - 12/07/2017

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22, atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

    En exercicio das súas competencias lexislativas en materia de promoción do deporte e da adecuada utilización do lecer, o Parlamento de Galicia dita a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establecéndose un novo marco xurídico para o desenvolvemento da política deportiva da Comunidade Autónoma de Galicia. A devandita norma prevé expresamente no artigo cinco a competencia exclusiva da Administración autonómica para levar a cabo o desenvolvemento regulamentario da lei.

    A Lei 3/2012 do 2 de abril, no seu título VIII regula a actuación autonómica en materia de prevención e de loita contra a dopaxe no deporte, recollendo entre o seu articulado a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe cuxa composición e réxime de funcionamento se regula no presente decreto.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Con esta iniciativa preténdese dotar a esta administración de mecanismos e medidas dirixidas á prevención e represión da dopaxe que se manifestan no seo do deporte.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A día de hoxe é necesario contar cun órgano que realice funcións de defensa da saúde do deportista e de prevención e control da dopaxe no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexa mediante accións sancionadoras, formativas, informativas, de investigación ou doutra índole, contando coa participación das persoas ou entidades que forman parte da organización do mundo do deporte en Galicia.

  • Obxectivos:

    Aprobación do regulamento de funcionamento e composición da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A día de hoxe soamente se contempla unha solución regulatoria, en cumprimento de mandato legal.

  • Rango da norma:

    Decreto