Decreto polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 2/2016, do 10 de febrero, do solo de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Urbanismo

Departamento: Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Estado actual: Consulta aberta

Prazo para remitir achegas/opinións: 15/05/2024 - 14/07/2024

Forma de remitir achegas/opinións: poderán ser presentadas cantas achegas/opinións se estimen convenientes por vía electrónica a través do formulario habilitado nesta mesma páxina.

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    De acordo co artigo 148.1.3 da Constitución e o artigo 27.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia aprobouse a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que establece o marco xeral para a regulación da actividade urbanística na Comunidade Autónoma de Galicia e, na súa disposición derradeira quinta, habilitaba ao Consello da Xunta de Galicia para ditar, no prazo dun ano, as disposicións para o seu desenvolvemento regulamentario.

    En cumprimento deste mandato legal, aprobouse o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, disposición que leva a cabo o desenvolvemento integral da lei partindo da súa redacción, atendendo ás necesidades derivadas da propia complexidade da materia e para facilitar a tarefa dos operadores xurídicos e técnicos na súa aplicación.

    Desde a súa aprobación en 2016, o referido decreto foi modificado polas seguintes disposicións normativas:

    • Decreto 92/2019, do 11 de xullo, polo que se modifica o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
    • Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
    • Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.
    • Decreto 36/2022, do 10 de marzo, polo que se crea e regula a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
    • Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
  • Problemas que se pretenden solucionar:

    • Adecuar o novo regulamento ás distintas modificacións producidas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, que non foron acompañadas das correlativas modificacións no texto regulamentario, o que dificulta enormemente a súa aplicación por todos os operadores técnicos e xurídicos que interveñen no eido do urbanismo.
    • Resolver algunhas insuficiencias e dificultades interpretativas por parte dos aplicadores do regulamento, o que determina a necesidade da súa modificación.
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas estima necesario abordar a aprobación dun novo regulamento, atendendo ás necesidades derivadas da propia complexidade da materia e para facilitar a tarefa dos operadores xurídicos e técnicos na súa aplicación, á vista da experiencia acumulada na aplicación práctica durante os case oito anos de vixencia do regulamento vixente.

    A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, constitúe unha norma que persegue acadar o marco de estabilidade que debe presidir a regulación urbanística na nosa comunidade autónoma. Non obstante, o regulamento que a desenvolve constitúe un instrumento vivo, dinámico e unha ferramenta de grande utilidade para os operadores técnicos e xurídicos que o manexan.

    Sendo así, cómpre aprobar unha norma regulamentaria que integre todas as modificacións introducidas na citada lei e solucione aqueles aspectos que se foron suscitando na práctica e que puxeron de manifesto a necesidade de concretar e matizar aquelas cuestións que non resultan suficientemente claras, para evitar dúbidas na súa interpretación e garantir a seguridade xurídica.

  • Obxectivos:

    As distintas modificacións producidas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, non foron acompañadas das correlativas modificacións no texto regulamentario, o que dificulta enormemente a súa aplicación por todos os operadores técnicos e xurídicos que interveñen no eido do urbanismo.

    En atención ao exposto, coa aprobación dun novo regulamento perséguense os seguintes obxectivos:

    • Integrar todas as modificacións introducidas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, desde a súa aprobación en 2016.
    • Aclarar, mellorar e puntualizar aspectos puntuais na aplicación práctica do vixente regulamento detectados pola Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo e polos distintos axentes implicados no urbanismo (concellos, colexios profesionais...).
    • Recoller, de ser o caso, as achegas de todos órganos e entidades que interveñen no eido do urbanismo (colexios profesionais de arquitectos, enxeñeiros, axentes inmobiliarios, notarios, rexistradores...).
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A aprobación dun novo regulamento de desenvolvemento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, debe realizarse mediante unha norma con rango de decreto en virtude do mandato legal recollido na disposición derradeira quinta da devandita lei.

    Tendo en conta o alcance da modificación que sería necesaria para a adaptación desta disposición aos cambios legais operados e aos obxectivos perseguidos, resulta máis coherente desde o punto de vista da técnica normativa e da seguridade xurídica aprobar un novo regulamento en lugar de modificar novamente o Decreto 143/2016, do 22 de setembro.

    Neste caso non existe ningunha solución alternativa non regulatoria que poida acadar os fins perseguidos, toda vez que a aprobación do regulamento constitúe un mandato legal nos termos establecidos na propia lei do solo de Galicia.

  • Rango da norma:

    Decreto

Formulario de participación

Cubra este formulario e a súa achega/opinión será atendida polo departamento que elaborou esta consulta previa. Lembre que os campos sinalados con asterisco (*) son obrigatorios

Datos persoais
Achegas/opinións

Se fose necesario anexar algún documento, este deberá axustarse aos seguintes formatos: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml. En calquera caso non se deberá superar o límite de tamaño establecido de 5 MB.