Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral de Medios

Departamento: A Presidencia da Xunta - Secretaría Xeral de Medios

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 03/05/2024 - 18/05/2024

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O artigo 34.3 do Estatuto de Autonomía para Galicia establece que, no marco das normas básicas do Estado, a Comunidade Autónoma pode regular, crear e manter a súa propia televisión, radio e prensa e, en xeral, todos os medios de comunicación social para o cumprimento dos seus fins.

    En base a esta competencia estatutaria o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1984, de 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que permitiu a posta en marcha duns medios públicos de comunicación audiovisual en lingua galega e, con posterioridade, a vixente Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

    As modificacións introducidas polas directivas comunitarias, así como os cambios incorporados pola nova e recente Lei de Comunicación Audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos obrigan a reconsiderar o vixente texto legal co obxectivo de axustalo á referida normativa e aos hábitos de consumo televisivo. Os avances técnicos fixeron posible a converxencia entre servizos televisivos e outros servizos de comunicación audiovisual.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    • Adecuar a oferta da CRTVG á diversificación dos formatos audiovisuais nunha audiencia fragmentada e globalizada pola que compiten, non só prestadores do servizo de comunicación audiovisual tradicionais, senón prestadores globais.
    • Adecuar a CRTVG aos hábitos de consumo audiovisual e á fragmentación da audiencia.
    • Reforzar a misión e valores do servizo público do medio público de comunicación audiovisual autonómico.
  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    1. Adecuar a normativa autonómica á Directiva (UE) 2018/1808 do Parlamento Europeo e do Consello de 14 de novembro de 2018, pola que se modifica a Directiva 2010/13/UE sobre a coordinación de determinadas disposicións legais, regulamentarias e administrativas dos Estados membros relativas á prestación de servizos de comunicación audiovisual, tendo en conta a evolución das realidades do mercado e ao Regulamento (UE) 2024/1083 do Parlamento Europeo e do Consello de 11 de abril de 2024, polo que se establece un marco común para os servizos de medios de comunicación no mercado interior e modifícase a Directiva 2010/13/UE (Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación).
    2. Adecuar a normativa autonómica á Lei 13/2022, de 7 de xullo, Xeral de Comunicación Audiovisual.
    3. Posicionar á CRTVG para afrontar os retos ao que deben enfrontarse os medios públicos nun marco de competitividade de medios e servizos audiovisuais.
  • Obxectivos:

    • Configurar unha ferramenta para transmitir valores, significados e identidades, así como para contribuír a promover a identidade cultural e lingüística de Galicia.
    • Actualizar o marco regulatorio e normativo para avanzar na transformación e adaptación dos servizos públicos de comunicación audiovisual de Galicia á sociedade dixital.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A consecución dos obxectivos marcados debe partir dun novo texto legal adaptado a nova estratexia europea sobre a transformación audiovisual e a sociedade dixital. 

  • Rango da norma:

    Lei

Achegas e opinións recibidas: 4