Decreto polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Departamento: Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza - Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 17/07/2019 - 17/09/2019

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A nova norma pretende darlle resposta á reivindicación dos sectores implicados que teñen posto de relevo a necesidade da aprobación dun Regulamento de desenvolvemento da Lei  10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

    Así mesmo, coa aprobación do novo Decreto preténdese dispoñer dunha normativa regulamentaria específica, que facilite as funcións dos operadores técnicos e xurídicos municipais e, ao mesmo tempo, que as persoas interesadas poidan acadar unha máis sinxela e áxil resolución dos seus procedementos.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A disposición derradeira quinta da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia autoriza ao Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento regulamentario. En consecuencia e con independencia do desenvolvemento dos aspectos concretos que se determinan nela, cómpre iniciar os traballos necesarios para a elaboración dun Regulamento xeral que recolla as disposicións precisas en desenvolvemento daqueloutros aspectos que, malia que a norma legal non mencione expresamente para tal fin, necesitan unha regulación máis polo miúdo que a que pode abranguer o marco normativo xenérico dunha lei.

     

  • Obxectivos:

    Considerando a variedade de situacións e a diversidade de intereses concorrentes que abrangue a materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, a lei non ten un carácter exhaustivo. Pola contra, cínguese a establecer unha regulación xenérica dos aspectos substanciais. En consecuencia, este decreto ten por obxecto aprobar, no marco do desenvolvemento normativo da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, un Regulamento que estableza unha regulación daqueles aspectos que, pola súa especificidade, non tiñan o seu axeitado encaixe nunha norma de rango legal.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Por tratarse do desenvolvemento da lei, este debe efectuarse mediante decreto, que abranga os aspectos non previstos nela, coa finalidade de facilitar as funcións dos operadores técnicos e xurídicos municipais e, ao mesmo tempo, que as persoas interesadas poidan acadar unha máis sinxela e áxil resolución dos seus procedementos.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 3