Tomás Fernández-Couto Juanas

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL - Director xeral de Defensa do Monte

Tomás Fernández-Couto Juanas

Naceu en Ferrol en 1960. É enxeñeiro superior de Montes pola E.T.S.I. de Montes de Madrid (1984) e funcionario de carreira do Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia, especialidade de enxeñeiros de Montes.

Desde o 1 de xaneiro de 1985 e ata abril de 1990, desempeñou funcións de técnico, en varios postos, nos servizos provinciais de Medio Ambiente Natural das provincias de Pontevedra e Lugo, en funcións de desenvolvemento de proxectos de conservación da natureza, xestión de piscifactorías, centros de recuperación de fauna, granxas cinexéticas, e xestión da caza e a pesca nas provincias de Lugo e Pontevedra.

Entre setembro de 1987 e xullo de 1990, desempeñou o posto de director técnico da Reserva Nacional de Caza dos Ancares, en Lugo. De maio de 1990 ata novembro de 1992, foi xefe provincial de Defensa contra Incendios Forestais de Lugo.

Así mesmo, desde decembro de 1992 ata finais de 1993, desempeñou funcións de xefe de servizo nos servizos centrais da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, ocupándose, entre outras, da xestión das ordes de axudas forestais, e posteriormente foi designado supervisor de Proxectos da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural; desempeñou o posto de subdirector xeral de Medio Ambiente Natural (1994-1996); e foi membro da comisión de traballo da Comisión Galega de Medio Ambiente e membro do Consello Galego de Medio Ambiente.

En xullo de 1996 foi nomeado director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, cargo en que permanece ata outubro de 2005. Neste período a Dirección Xeral estivo adscrita a tres diferentes Consellerías. Cando esta Dirección Xeral se escindiu en dúas, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Fernández-Couto foi nomeado director xeral da primeira delas.

Neste período, encargouse da planificación, organización e execución das campañas anuais de prevención e extinción de incendios en Galicia. Así mesmo, desenvolveu políticas de xestión forestal, incluíndo a certificación forestal sustentable de máis de 120.000 ha de xestión pública, a forestación de máis de 150.000 ha, ou a creación e mellora de máis de 10.000 ha de bosque autóctono.

Tamén dirixiu a elaboración da proposta galega de Rede Natura 2000, do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Nacional das Illas Atlánticas, do Regulamento da Escala de Axentes Forestais, e o deseño e posta en marcha da nova organización territorial, coa creación dos 19 Distritos Forestais.

En abril de 2009 foi nomeado de novo director xeral de Montes, ata ese momento desempeñaba o posto de Xefe de Sección de Modernización e Renovación da Frota, na Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

En xaneiro de 2012 foi nomeado secretario xeral do Medio Rural e Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar.

En outubro de 2015 foi nomeado director xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural e na actualidade é director xeral de Defensa do Monte na mesma consellería.