Alfonso Sánchez Izquierdo

PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA- Director xeral da Corporación de Radio Televisión de Galicia

Alfonso Sánchez Izquierdo

Naceu en Sidi-Ifni, Marrocos, en 1949. Titulado en Ciencias da Información na Escuela de Periodismo de Madrid, Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense e titulado en Socioloxía polo Instituto León XIII.
 

En 1973 incorporouse, como redactor, ao periódico ourensá La Región. Chegou a ser director do diario, co que se mantivo vinculado profesionalmente durante 35 anos. Coa expansión do Grupo La Región, ocupou tamén outros postos de responsabilidade. Así, foi conselleiro delegado do periódico Atlántico Diario de Vigo (1987), da Axencia Galega de Noticias (1990) e presidente e conselleiro delegado de Telemiño.

En 2005 foi galardoado pola Asociación de Periodistas de Galicia co premio Diego Bernal.

En 2008 foi nomeado presidente da Asociación Galega de Xestión da Comunicación.

En xullo de 2008, Sánchez Izquierdo abandonou a dirección de La Región e dedicouse á investigación e innovación, impartindo docencia, na materia de Xestión da Empresa Informativa na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, tarefa que desenvolvía dende 1998. Tamén deu clases de Programación e Técnicas de Relacións Públicas na Universidade de Vigo e exerceu de socio conselleiro de Acioavia Wises, S.L.

Ata comezos de 2016 exerceu a presidencia de quenda da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA).

En maio de 2009 foi nomeado director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia.