Réxime xurídico e condicións de acceso aos servizos públicos

O sector público autonómico de Galicia dotouse coa Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración dun marco común para a regulación do réxime xurídico dos seus servizos e para o establecemento dun Estatuto Xeral das Persoas Usuarias.

Artigo 38. Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración. Estatuto xeral das persoas usuarias. Carta galega dos servizos públicos:

  1. Todas as persoas usuarias dos servizos públicos autonómicos, con independencia da modalidade en que se presten, terán os mesmos dereitos en relación coa prestación do servizo público.

  2. En particular, terán dereito:
    • A ser admitidas ao servizo e a exixir a prestación dos servizos públicos establecidos cando reúnan os requisitos subxectivos e obxectivos establecidos no ordenamento xurídico e na regulamentación do servizo para ser beneficiarias das súas prestacións.
    • A recibir as prestacións en que consiste o servizo público nas condicións de continuidade, regularidade e calidade estipuladas no seu réxime xurídico, con pleno respecto aos principios de universalidade, igualdade e non discriminación.
    • A utilizar e a ser atendidas, segundo a súa escolla, na lingua galega ou castelá nas súas relacións orais e escritas co prestador do servizo. Para estes efectos, tanto nos supostos de xestión directa coma indirecta, adoptaranse as medidas organizativas do servizo necesarias para a garantía deste dereito. O galego será a lingua de uso normal e preferente en todas as actividades relacionadas coa organización e prestación dos servizos públicos.
    • A ser tratadas con deferencia e respecto no marco da prestación do servizo público de que se trate.
    • A acceder a toda a información que sexa precisa para formular queixas ou reclamacións sobre a prestación do servizo, de acordo co disposto na lexislación reguladora da transparencia administrativa.
    • A presentar suxestións e queixas sobre o funcionamento do servizo, que deberán ser contestadas de forma motivada e individual.
    • A obter copia selada de todos os documentos que, en relación coa prestación do servizo, presenten nas súas oficinas.
    • A exixir da Administración o exercicio das súas facultades de inspección, control e, se for o caso, sanción para garantir o bo funcionamento do servizo, garantir e regular a prestación deste e emendar calquera irregularidade na súa prestación.

  3. Toda persoa usuaria dun servizo público estará suxeita ás seguintes obrigas:
    • A aboar, de ser o caso, a contraprestación económica comprendida nas tarifas aprobadas.
    • A tratar con respecto e coidado as instalacións nas que se preste o servizo e os bens utilizados na súa prestación.
    • A tratar con deferencia e respecto o resto das persoas usuarias, así como o persoal que preste o servizo.
    • A realizar un uso non abusivo dos servizos. Entenderase que unha persoa fai un uso abusivo cando a súa conduta obstaculice de maneira irracional, desproporcionada e evidente o bo funcionamento do servizo, ocasionando un prexuízo ao resto das persoas usuarias, á administración titular do servizo público e, se for o caso, ao prestador. 

  4. O incumprimento das obrigas citadas no punto anterior facultará o prestador do servizo ou o seu persoal debidamente autorizado ou acreditado para non admitir a persoa usuaria á prestación do servizo ou para a súa denegación, sen prexuízo da posibilidade da imposición das sancións previstas nas leis sectoriais que regulen determinados servizos.
    Así mesmo, o persoal encargado da explotación do servizo, en ausencia de axentes da autoridade, poderá adoptar as medidas necesarias para a utilización do servizo e formular, se é o caso, as denuncias pertinentes. Para estes efectos, servirán de medio de proba as obtidas polo persoal do prestador do servizo debidamente acreditado e cos medios previamente homologados polo órgano administrativo competente, así como calquera outro admitido en dereito. 

  5. As normas reguladoras dos diferentes servizos públicos adaptaranse ao estatuto xeral indicado no presente artigo.
  6. Así mesmo, o órgano administrativo competente, de acordo co que se prevexa no réxime xurídico do servizo, aprobará cartas de dereitos das persoas usuarias en que se concreten os dereitos delas regulados neste artigo.

Resultoulle útil a información?