Lei de pesca fluvial de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Vivenda - Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 24/01/2019 - 15/02/2019

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    • Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial
    • Directiva 2000/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello do 23.10.2000, marco de Augas
    • Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade
    • Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia
  • Problemas que se pretenden solucionar:

    O articulado da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial debe ser modificado co obxecto de adaptarse ás novas previsións das normativas estatal, comunitaria e autonómica, incorporando principios, conceptos e terminoloxía de carácter ambiental.

    Igualmente debe incorporar nunha futura disposición determinadas previsións que configuren esta norma con rango de lei nunha ferramenta útil para acometer os desafíos que están a incidir negativamente no exercicio da pesca fluvial en Galicia: furtivismo, secas, calidade das augas ou para, como mínimo, contemplar medidas que poidan redundar en beneficio da riqueza ictícola.

    Así mesmo, é importante incorporar medidas lexislativas que modifiquen de xeito significativo o modelo de aproveitamento e gozo da pesca fluvial, de forma compatible coa preservación das distintas especies, incentivando a promoción, formación e investigación en materia de pesca fluvial.

    Entre estas medidas destacarían a incorporación de novidades relativas á obriga da Administración autonómica de promover un mellor coñecemento por parte da sociedade sobre a actividade da pesca fluvial e, especificamente, sobre os seus aspectos ambientais, sociais e económicos, á regulación da licenza de pesca fluvial, á introdución de instrumentos de planificación respecto dos aproveitamentos dos recursos pesqueiros, ou á previsión, así mesmo, da elaboración dunha planificación axeitada para a repoboación piscícola.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Tras dúas décadas de vixencia da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, cómpre abordar un novo texto que, tendo en conta a normativa básica estal e comunitaria sinalada, desenvolva de xeito completo e innovador todos os aspectos que inciden na materia, ofrecendo solucións eficaces ás necesidades detectadas no tempo transcorrido, tendo en conta tanto a experiencia acumulada tras estes 25 anos como a evolución normativa do marco xurídico de aplicación en materia de pesca fluvial e medio ambiente.

    Por outra parte, os cambios acontecidos na sociedade nos últimos anos obrigan a contemplar e fomentar igualmente, dun xeito compatible co aproveitamento piscícola polo/a practicante, outras modalidades de licenza de pesca.

  • Obxectivos:

    Os obxectivos principais da disposición legal son establecer o réxime xurídico aplicable para regular, protexer e fomentar o dereito ao exercicio da pesca fluvial e o ordenado aproveitamento dos recursos piscícolas en todos os cursos e masas de augas continentais dentro dos límites da Comunidade Autónoma de Galicia, desde a premisa de que este réxime xurídico comporte modernizar e actualizar a lexislación autonómica en materia de pesca fluvial.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A alternativa a esta nova regulación sería unha modificación da vixente Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, así como do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, de 14 de maio, pero polos motivos expostos anteriormente considérase procedente abordar un novo texto co fin de garantir a seguridade xurídica e facilitar o axeitado manexo da norma, en vez de modificalo parcialmente.

  • Rango da norma:

    Lei

Achegas e opinións recibidas: 108